A Deputación de Pontevedra aproba recursos para outros cinco Municipios da Provincia ao abeiro do Plan Concellos

Compartir
Novas. Fonte: Deputación

As achegas irán a Baiona, O Porriño, Gondomar, A Cañiza e Redondela e con elas realizaranse actuacións no alumeado público, na rede de saneamento ou nos viarios.

 

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra volveu a aprobar recursos para os municipios da provincia no marco das liñas 1 e 2 do Plan Concellos. Nesta ocasión deu luz verde a 429.300 euros para Baiona, O Porriño, Gondomar, A Cañiza e Redondela, cos que se actuará no alumeado público, na rede e saneamento ou no pavimento de viarios.

A Baiona chegarán 154.800 euros da liña 1 cos que o Concello urbanizará e mellorará o alumeado público de tres rúas do barrio da Anunciada e do Camiño Longueiriña. As obras comprenden a rehabilitación e acondicionamento de viarios e beirarrúas así como a revisión e reforzo das instalacións urbanas existentes. Pola súa banda, Gondomar contará con 63.500 euros da mesma liña para as obras de mellora da pavimentación na estrada do Mosteiro, na parroquia de Donas. Con elas intervirase nun trazado comprendido entre a conexión coa EP-2304 ata o entroque coa estrada de Nogueira, no que se mellorará o firme e instalaranse saídas de augas pluviais para evitar encharcamentos.

Para O Porriño a Xunta de Goberno aprobou 65.800 euros da mesma liña, co fin de ampliar a rede de saneamento en Eidos do Medio, na parroquia de Cans, nun tramo que actualmente carece deste servizo. Ademais, A Cañiza aumentará a dispoñibilidade de auga no depósito de Porto de Augavella cunha achega Provincial de 60.000 euros que servirá para construír un novo pozo de barrena.

No que atinxe á liña 2, para Redondela foron aprobados 85.200 euros que o Concello destinará aos sectores máis afectados pola pandemia, que poderán financiar gastos de aluguer, a cota de persoas autónomas, a electricidade e os seguros.