A Deputación de Pontevedra continúa a reactivar a Provincia, co inicio da IV edición da aceleradora de empresas turísticas

Compartir
Carmen Silva. Fonte: Deputación

O proxecto arranca este luns con seis empresas de Vigo, Cangas e Redondela que contan cunha forte presenza feminina.

Durante os meses que dura a aceleradora impartiranse sesións de mentorización e formación que servirán para consolidar os proxectos que participan.

 

Hoxe arranca a cuarta edición da aceleradora de empresas turísticas da provincia da man do programa SmartPeme TurisTIC da Deputación. O proxecto durará ata comezos de febreiro e para participar nel foron seleccionadas seis empresas de Vigo, Cangas e Redondela, que se servirán da aceleradora para consolidar os seus proxectos empresariais e mellorar a súa competitividade grazas á incorporación das novas tecnoloxías vinculadas ás actividades clave de cada negocio. Entre elas destaca unha forte presenza feminina xa que catro dos seis proxectos seleccionados están liderados por mulleres.

Entre as propostas que optaban a formar parte desta nova edición foron elixidas as empresas viguesas “¿Qué hacemos mañana?”, un proxecto web que proporciona información a turistas a cerca de todos os eventos locais de Galicia, “GALPING Water Sports”, un servizo de aluguer de Hobie Step Paddle Surf, e “Sarao Producción & Animación”, unha empresa dedicada á produción e animación de eventos. Tamén participan “Patri Novas Turismo + Patrimonio”, unha empresa canguesa que ofrece que ofrece visitas guiadas nesa zona do Morrazo, así como dúas firmas de Redondela; o “Albergue Rosa de Abreu”, que acollerá a persoas peregrinas e turistas, e “Mellor con Guía”, unha iniciativa que ofrece visitas guiadas a este concello.

A aceleradora conta con dúas fases. A primeira delas baséase na mentorización e nela as empresas seleccionadas contarán coa axuda dunha persoa experta en turismo, que lles guiará no deseño da folla de ruta para levar a cabo os seus proxectos, e coa de asesoras e asesores especialistas en distintos ámbitos tecnolóxicos e empresariais, con quen terán un programa intensivo de titorías. Ademais, as persoas participantes vivirán unha xornada networking con outras empresas do sector.

Na segunda fase, a aceleradora levará a cabo sesións formativas grupais que tratarán temas como comercialización en liña dos estabelecementos e destinos turísticos, o posicionamento SEO, a optimización de páxinas web ou o deseño do Plan de Empresa. Esta cuarta edición da aceleradora de empresas turísticas rematará coa presentación final dos proxectos participantes nun Demo Day.