A Deputación de Pontevedra dará a batalla, para que a Xunta retire o anteproxecto do ciclo da auga

Compartir
Rolda de prensa. Fonte: Deputación

Carmela Silva detallou as alegacións que hoxe mesmo serán remitidas á Xunta, aos Concellos da Provincia, ao resto das Deputacións e ao Goberno de España.

A Presidenta Provincial denunciou que “non só Concellos e Deputacións veremos dinamitada a nosa suficiencia financeira, a suba no recibo doméstico da auga pode aumentar de forma brutal, ata un 180% e o das empresas un 130%”.

“Un ataque sin paliativos á autonomía do mundo local e un aumento brutal da presión fiscal para a xente e as empresas Galegas”. Carmela Silva foi tallante hoxe, ao afirmar que “son só dúas das moitas consecuencias do anteproxecto de lei do ciclo integral da auga que pretende a Xunta de Galicia”, a quen a Deputación de Pontevedra remitirá hoxe mesmo as alegacións, que tamén fará chegar a todos os Concellos da Provincia, as deputacións Galegas, e ao Goberno de España. De feito, avanzou que “se a Xunta non retira o anteproxecto, estudiaremos legalmente as instancias ás que podemos chegar”.

A Presidenta Provincial cualificou de “escándalo intolerable” o cambio de modelo que quere impoñer Feijóo facendo recaer ata 2 terzos da financiación nas entidades locais para as novas infraestruturas, “que decida a Xunta, porque nós non decidiremos nada, só pagaremos”, e que tamén recaerán na cidadanía, con novos canons que suporán unha suba inxente nos recibos. “É un ataque en toda regra á autonomía local, pretenden tutelar a nosa capacidade de decisión e como xestionamos, e non nos poden impoñer como exercer as nosas competencias”. “Tamén, engadiu, dinamita a suficiencia financeira de Concellos e Deputacións, e impón que asumamos competencias impropias cos mesmos recursos que tiñamos. É imposible facelo sen que deixemos de garantir servizos e dereitos á xente desta Provincia: equipamentos, dotacións, estradas, axudas sociais, igualdade, cultura, turismo, deporte… para financiar en cambio custosísimas infraestruturas que non nos corresponden. ¿Onde quere que recortemos?”.

Amais, Carmela Silva alertou da “suba brutal”, que suporán os novos canons nos recibos da cidadanía e das empresas. “Coidáronse moi ben de non incluír o estudio económico-financeiro, subliñou, pero estamos a falar de que o recibo da auga da xente pode incrementarse ata nun 180% e un 130% no caso das empresas. Incrementos enormes que tamén ocorrerán noutros casos como o baleirado das fosas de purines. E todos eses recursos irán directamente ás arcas da Xunta”.

A presidenta provincial, que insistiu en que a Xunta ten que retirar o anteproxecto, acusou a Feijóo “de levar 12 anos gobernando sen ter nunca unha política da auga cando debería ter sido unha prioridade”. “Agora, dixo, cando Europa obriga a que o fagan, o que fai a Xunta é intentar aprobar unha lei escapista, para que Europa non poida botarlle en cara que non fai nada, pero fan recaer no mundo local os costes da súa falta de planificación. Xa o intentaron coa fracasada Sogama da Auga, e agora veñen con isto”. “Din que todos os concellos de Galicia van pagar o mesmo con este modelo. Non é certo, o que si é certo e non din, é que todos e todas imos pagar máis”

A máxima responsable da Deputación de Pontevedra detallou as alegacións da Institución que tamén fan fincapé no feito de que “intencionadamente o anteproxecto non diferencia o tipo de infraestrutura a financiar, e obriga a Concellos e Deputacións a costear obras que non están dentro das súas competencias”; o feito de que cando existan dúbidas da titularidade dunha instalación por defecto sempre serán municipais; que a suposta voluntariedade dos Concellos para adherirse a este modelo non é tal “porque si non se adhiren chegarán auditorías e sancións”; o caso de once concellos da provincia que senón firman os convenios terán que quedarse coas instalacións de depuración sen a xestión da Xunta; ou o novo canon de abastecemento que presta a Xunta, que pode duplicar o coste actual aos Concellos.

Máis de 23 millóns de euros
Carmela Silva recordou, amais, que a Deputación de Pontevedra xa financiou co Plan Concellos e máis de 23 millóns de euros, ata 284 obras de saneamento e abastecemento nos Concellos da Provincia. “¿Cantas fixo a Xunta nesta provincia?”, preguntou, engadindo que “por enriba as que fixo sempre foron nos concellos que goberna o PP”. “Usan o canon da auga para facer cacicadas”, denunciou.