A Deputación de Pontevedra e a Federación de Municipios e Provincias de Valencia abren vías de colaboración

Compartir
Visita Presidente FVMP. Fonte: Deputación

Na visita institucional á sede da Deputación en Vigo, o presidente da Federación valenciana coñeceu de primeira man as políticas provinciais aliñadas cos ODS nos eidos da sustentabilidade, dos investimentos e das infraestruturas.

Rubén Alfaro e Carmela Silva defenderon a estratexia enfocada á Axenda 2030 “que impacta de maneira directa no desenvolvemento e transformación do espazo público”.

 

As políticas da Deputación de Pontevedra aliñadas na senda da Axenda 2030 nos eidos da sustentabilidade, dos investimentos ou do modelo provincial de infraestruturas, exemplo de boas prácticas no estado, foron coñecidas hoxe polo presidente da Federación Valenciana de Municipios e Provincias, Rubén Alfaro, no transcurso da visita institucional que fixo á sede provincial en Vigo acompañado do seu equipo técnico.

No encontro de Alfaro coa presidenta Carmela Silva, sendo ambos integrantes da Comisión Executiva da Rede de Entidades Locais da Axenda 2030, puxeron en valor a relevancia da necesaria implantación dos ODS de forma transversal a todas as políticas públicas das administracións, como é o caso da institución provincial, pioneira no desenvolvemento da Axenda 2030 en liña co desenvolvemento sostible, a igualdade, o emprego e a cohesión social. De feito, ten sido das primeiras administracións en aliñar os orzamentos e as súas políticas cos ODS, coas que a día de hoxe dá cumprimento practicamente ao 100%, e o seu traslado aos concellos e aos sectores da sociedade desde a formación, a concienciación e a capacitación local.

 

Visita Presidente FVMP. Fonte: Deputación

 

Na reunión da delegación valenciana con Carmela Silva se estableceron liñas de traballo para abrir vías de colaboración tamén no eido da axenda urbana e das políticas da recuperación do espazo público e as infraestruturas. O presidente da Federación Valenciana se interesou polo modelo provincial de proxectos e plans relacionados co desenvolvemento urbano sostible, accesible, seguro, resiliente, estratéxico e integrado do territorio.

Tanto Rubén Alfaro como Carmela Silva subliñaron os programas de reconstrución e recuperación económica e social, que cualificaron de determinantes para a configuración do futuro en común na próxima década, e que representan unha oportunidade para facer valer a Axenda 2030 e emprender as transformacións profundas necesarias como a do espazo público e como interactuamos no mesmo, “algo que é fundamental se queremos ser máis sostibles e máis resilientes”.

A presidenta provincial recordou que “na Deputación de Pontevedra traballamos desde o ano 2015 no desenvolvemento de infraestruturas fiables, sostibles e de calidade como aliciente para a recuperación económica, a calidade de vida e a creación de emprego, pero sobre todo para garantir a vertebración territorial, a cohesión social e a igualdade de oportunidades nun territorio no que o turismo e a industria son sectores estratéxicos nas cidades e zonas de costa e o interior necesita fixar poboación e posúe enormes potencialidades de desenvolvemento en torno á economía verde”