A Deputación de Pontevedra forma en igualdade á mocidade da provincia cun novo proxecto, enmarcado na escola María Vinyals

Compartir
Canteira de Igualdade. Fonte: Deputación

A institución organiza dez obradoiros en varios institutos da provincia, e fomenta unha “Canteira de Igualdade” cun curso que se impartirá na sede de Vigo.

A finalidade deste proxecto é ofrecer á mocidade ferramentas de análise e referentes, que dan conta de realidades máis plurais, diversas e igualitarias.

 

A Escola María Vinyals da Deputación de Pontevedra chegará ás persoas máis novas da provincia para aproveitar o seu potencial transformador a prol da igualdade. Farao a través dun proxecto de formación que se desenvolverá nos vindeiros meses e que inclúe obradoiros en institutos que derivarán nun curso dirixido a construír axentes de cambio feministas. O proxecto naceu da man de Amada Traba, Luisa Abad, Priscila Retamozo e Mercedes Oliveira e apóiase na experiencia do Comando Igualdade, un espazo de aprendizaxe colectiva que ten a súa orixe no traballo desenvolvido pola propia Oliveira.

De outubro a decembro levaranse a cabo dez obradoiros en diferentes institutos da provincia que terán unha duración de catro horas e realizaranse en grupos de máximo 100 persoas. Os talleres versarán sobre temas como a igualdade de xénero, a construción dual do xénero con “mulleres influencers, homes gamers”, os coidados, a sexualidade, o amor na era dixital ou diferentes movementos como o sufraxista ou o #MeToo.

Estes obradoiros servirán para incentivar a participación da mocidade nun curso de formación titulado “Canteira de Igualdade”, que terá lugar entre febreiro e abril do 2022 na sede de Vigo da Deputación. En total serán 45 horas de formación nas que, partindo da experiencia vivida, un grupo de entre 15 e 20 persoas tratará temas como a división sexual do traballo e do amor, as redes sociais, a historia do feminismo ou a cultura da violación, pornografía e prostitución.

Con este proxecto a institución provincial facilita o encontro, debate e reflexión do coñecemento da realidade como elemento transformador, capacita ás mozas e mozos para o seu desenvolvemento persoal, autoestima e coñecemento e proporciónalles ferramentas para combater a violencia contra as mulleres.