A Deputación acaba de aprobar en Xunta de Goberno destinar máis de 1,2 millóns de euros para que sete concellos da provincia contraten a 89 persoas e poidan afrontar
gasto corrente ao abeiro da liña 3, de activación do emprego, e 2 do Plan +Provincia. Benefícianse destes recursos A Illa de Arousa, Sanxenxo, Tomiño, Tui, Vilaboa, Vilagarcía e Vilanova de Arousa. “Temos concedido xa 4,3 millóns de euros aos concellos baixo o paraugas do +Provincia, o programa récord de obras e servizos, dotado con 48,2 millóns de euros, para tender pontes cos concellos de menos de 50.000 habitantes e facer que o motor da provincia siga funcionando”, asegurou o presidente provincial Luis López.
No marco da liña 3, de emprego, a Xunta de Goberno aprobou preto dun millón de euros para que os concellos de Sanxenxo, Tomiño, Vilaboa, Vilagarcía e Vilanova poidan contratar a 89 persoas desempregadas. Ata o de agora aprobáronse preto de 4,1 millóns de euros para 27 concellos da provincia o que supón o 44,24% do orzamento global da liña de activación de emprego que ascende a 9,25 millóns de euros.
Deste xeito, Vilagarcía recibirá 284.000 € para contratar a 35 persoas desempregadas que traballarán como peóns axudantes albaneis (14), peóns pintores (5), peóns traballadores de conservación de parques (4), peóns instaladores electricistas (4), peóns forestais (4), peóns mantedores de instalacións deportivas (2), peón condutor operador de retroescavadora (1) e peón fontaneiro (1). No caso de Tomiño serán 266.000 € para 20 persoas que se encargarán de executar tarefas de peóns de xardinería (11), traballo social (2), condutor retroescavadora (2), instalador electricista (1), técnico administrativo (1), mecánico (1), soldador (1), peón da construción (1) e enxeñeiro técnico forestal (1).
Pola súa banda Sanxenxo destinará 245.000 € para que 21 persoas traballen como como auxiliar administrativo (7) e peóns de obras públicas (14); Vilaboa beneficiarase de 110.000 € do Plan +Provincia para contratar a 7 persoas desempregadas para desempeñar postos de traballo como albaneis (3), operarios de maquinaria forestal (2) e peóns forestais (2); e Vilanova 87.000 € para 6 persoas como guías de turismo (2), albanel (1), mantedor de edificios (1), tractorista (1) e limpador (1).