18 octubre, 2024
As obras, que teñen un orzamento de 385.000 euros, permitirán prover deste tipo de enerxía limpa á Casa Consistorial, no caso da Cañiza, e ao centro sociocultural, na Illa
A Deputación de Pontevedra aprobou hoxe os proxectos para dotar a edificios municipais dos concellos da Cañiza e A Illa de Arousa de instalacións de xeotermia sostibles, unha iniciativa enmarcada no programa de axudas para investimentos a proxectos singulares locais de enerxía limpa en municipios de reto demográfico (Programa DUS 5000) e que conta cun orzamento total de 385.000 euros. A actuación será financiada ao 85% polo Instituto de Diversificación e Aforro Enerxético (IDAE), ao 8% pola Deputación de Pontevedra e ao 7% polos respectivos concellos. Segundo o presidente provincial, Luis López, con este proxecto “damos outro paso máis para reducir a pegada enerxética da provincia, e facémolo da man dos concellos, implantando medidas de eficiencia que contribúen ao desenvolvemento económico sostible local”.
En concreto, na Cañiza, cun orzamento total de 215.000 euros, as actuacións realizaranse na Casa do Concello, onde se substituirá a actual caldeira de gasoil por un sistema de xeotermia, o que levará consigo, ademais, o cambio de todos os radiadores do edificio por outros máis modernos e adaptados ao novo procedemento.
Por outra banda, no caso da Illa de Arousa as actuacións, que teñen un orzamento de 170.000 euros, centraranse no centro sociocultural, situado no complexo das Casas Modernistas do concello. Neste caso instalarase unha bomba de calor xeotérmica para a calefacción e a refrixeración, así como unha rede de distribución térmica para ambos edificios.
Alerta