A gala, á que asistirá o presidente Luis López, celebrarase no Salón de Plenos do Pazo Provincial ás 19:00 horas. Estará conducida pola xornalista Patricia Bea e contará coa actuación musical da exgañadora do premio a mellor traballo musical Ainhoa Mosquera
A Deputación de Pontevedra celebra este venres ás 19:00 horas no Salón de Plenos do Pazo provincial a gala de entrega dos Premios Provinciais á Xuventude. Durante o evento daranse a coñecer os traballos gañadores nas nove categorías das que se compoñen e que supoñen un reparto de ata 36.000 euros entre as mellores iniciativas dos 77 traballos presentados. Ao evento acudirán o presidente da Deputación, Luis López, e mais o deputado de Xuventude, Jorge Cubela. Estará conducido pola xornalista Patricia Bea e contará coa actuación musical de Ainhoa Mosquera, antiga gañadora dos Premios Provinciais á Xuventude na categoría de traballo musical en 2021.
A través destes galardóns, a institución provincial busca estimular e promover a creatividade da mocidade da provincia no ámbito sociocultural, así como amosar o seu compromiso no eido da loita contra o cambio climático e a recuperación do medio ambiente. Puideron optar aos Premios Provinciais á Xuventude mozos de entre 16 e 35 anos e, no caso da categoría de Reacción polo Clima, centros educativos nos que participe
alumnado de entre 12 e 18 anos.
En total presentáronse 77 traballos que foron avaliados por cadanseu xurado nas distintas categorías. Deles, 22 foron traballos literarios breves, 21 fotografías orixinais, 17 proxectos de investigación, 6 foron candidaturas á categoría de banda deseñada, 4 á de traballo musical, 3 traballos na de educación en valores; 2 propostas en deseño e moda e unha nas categorías de contido audiovisual e Reacción polo Clima, de denuncia do cambio climático.
As mozas e mozos gañadores, ademais da contía económica, recibirán uns galardóns de cerámica elaborados polos usuarios da Asociación Alba de Familiares e Amigos de Enfermos Psíquicos de Pontevedra.
Esta entidade emprega as instalacións da Cidade Infantil Príncipe Felipe grazas á colaboración da Deputación co Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE) para o desenvolvemento dun curso de olaría e cerámica.
O goberno da Deputación dará un impulso á Xuventude durante o mandato a aposta pola Xuventude do mandato de Luis López materialízase coa creación dun novo servizo de Xuventude e Reto Demográfico, que contará no 2024 cun orzamento de 1,2 millóns de euros. Entre as iniciativas que liderará enmárcanse, ademais destes Premios da Xuventude, unha nova batería de axudas, dotadas de 230.000 euros, para o impulso de actividades xuvenís, investimentos relacionados coa mocidade, e para os centros educativos.