17 octubre, 2021
Están xa dispoñibles as entradas no sitio web da fortaleza para asistir ás visitas familiares, que comezan este domingo, e ás adultas, que arrancan o 22 de outubro.
As visitas teatralizadas ao Castelo de Soutomaior confórmanse como unha atractiva opción turística e de lecer para a celebración de Samaín. A Deputación de Pontevedra, coincidindo con esta data tan sinalada no calendario galego, pon en marcha a primeira edición de dous percorridos cargados de misterio para coñecer o lado máis terrorífico da fortaleza. Familias e nenos poderán gozar de xogos e probas nas que o “Alemanote”, a pantasma do Castelo, estará moi presente; e os adultos/as disporán dunha proposta en horario nocturno protagonizada por personaxes do máis alá.
Están xa dispoñibles as entradas en: www.castelodesoutomaior.com para asistir ás dirixidas ao público familiar, que comezan este domingo 17, e ao adulto, que serán nocturnas, que arrancan o vindeiro venres 22.
Os científicos Von Furenberg e Irina Calselberg, xunto ás autómatas Brunilda Kartoffel e Vettel Zanfonike, serán os/as encargados de acompañar ás familias por todo o Castelo na busca das pezas que lle faltan para a construción da “Makinakus imbemcibilus”, coa que darán a vitoria ao exército alemán na Primeira Guerra Mundial.
Durante o transcurso da visita, os e as participantes irán coñecendo múltiples referencias á historia da fortaleza e ás persoas que a habitaron, á vez que levan pequenas sorpresas e sustos. Coa súa participación en xogos e probas, a historia dará un xiro que os levará á paz, á busca da verdade e tamén á figura do “Alemanote”, alumno da universidade de Heidelberg, que cada noite se enfrascaba nos lugares máis recónditos do castelo para realizar complexas fórmulas. As visitas desenvolveranse os días 17, 24 e 31 de outubro e o 7 de novembro en dous pases diarios ás 12.00 e ás 16.30.
No caso das visitas teatralizadas dirixidas ao público adulto, comezan o venres 22, e estenderanse ata o 5 de novembro. No percorrido os/as participantes estarán acompañados dun actor e unha actriz que interpretarán a personaxes do máis alá, e non farán máis que “entorpecer” o seu terrorífico camiño. Estas visitas celebraranse en horario nocturno, ás 20.00, e terán lugar en outubro os venres 22 e 29 e, en novembro, o venres 5.
O prezo para participar en cada unha das actividades é de oito euros por persoa, e poden adquirirse no portal web do Castelo, https://castelodesoutomaior.com
Alerta