A Deputación fai balance dos últimos 6 anos na urbe

Compartir

Carmela Silva: “A institución ten agora unha presenza histórica e un investimento como nunca antes: contamos cun modelo claro para Vigo da man do Concello e rematou o illamento e a confrontación”

 

A sede acolleu desde a apertura máis de cen actos pese as restricións pola pandemia e prepáranse 20 máis ata xaneiro: “É un centro de referencia de actividade na cidade”

 

O edificio da Rúa Chao estreará unha nova sala de exposicións dedicada a Maruja Mallo e acollerá tres mostras artísticas, unha DemoDay do comercio, un acto da Escola María Vinyals, e a entrega dos Premios Sofía Novoa

 

Humanización e mellora de estradas, un gran carril-bici en Teis e o centro urbán, novas infraestruturas deportivas xunto coa reforma de Balaídos, actuacións en centros educativos, dotacións culturais, apoio a grandes eventos, subvencións a entidades sociais para celebrar ata 560 actividades, unha forte aposta pola cultura e a igualdade, e máis dun cento de actos na sede da rúa Eduardo Chao. É o resultado en Vigo dos seis anos de goberno progresista na Deputación de Pontevedra, un período que “situou á cidade no lugar que por dereito lle correspondía”, segundo explicou esta mañá a presidenta, Carmela Silva, nun almorzo informativo cos xornalistas na sede do Casco Vello para facer balance da acción da institución na urbe desde 2015, acompañada dos deputados provinciais Carlos Font, Santos Héctor e Gorka Gómez. “A Deputación ten unha presenza histórica e un investimento como nunca antes. Apostamos por Vigo, respectamos a súa autonomía municipal, temos un modelo claro con criterios obxectivos, traballamos da man do Concello e remataron aqueles tempos de illamento da cidade cunha Deputación antiga que sempre xogaba a confrontar”.

 

A presidenta salientou que a sede, inaugurada en xaneiro de 2020, “é xa unha das grandes referencias da actividade na cidade, e reactivou ademais todo o entorno no que se sitúa”. De aquí a xaneiro están confirmadas 20 accións máis do ámbito da cultura, a igualdade, a cohesión social e o emprendemento e ademais, segundo adiantou Carmela Silva, inaugurarase a sala Maruja Mallo, un novo espazo expositivo no edificio. “Esta sede está chea de vida e é un espazo tamén para os colectivos da cidade, que piden salas e celebran aquí reunións e actos”, manifestou.

A mandataria provincial resaltou a actividade que a Deputación acometeu, xunto ao Concello, no centro e en todas as parroquias con “obras, proxectos e accións moi potentes” nestes seis anos. En materia de viais lembrou que realizáronse as humanizacións de Ronda de Don Bosco, a Estrada Provincial (Rúa Emilia Pardo Bazán), a estrada Calvario – A Garrida; as reformas de Hispanidade, Taboada Leal e Serafín Avendaño; e o novo carril que permite circular en bici polo centro da cidade, ademais de mellorar un amplísimo número de viais no rural. “Actuamos en todas as parroquias cun modelo de cidade amable”, expuxo.

 

No que respecta as infraestruturas deportivas a Deputación costea a metade da remodelación de Balaídos, ademais de ter reformado as pistas do IMD no estadio, construír os pavillóns de Quirós e Romil ou mellorar e modernizar dez campos de fútbol. “Participamos activamente en todas as infraestruturas para o deporte que se puxeron en marcha na cidade”.

 

Na área de educación habilitáronse as aulas da UNED e os vestiarios do pavillón do IES de Beade, e estase a executar a cubrición dos patios dos CEIP Pintor Laxeiro e Balaídos. En canto ás dotacións culturais a Deputación rehabilitou Villa Solita, en Alcabre, “un espazo marabilloso que dinamizou toda a zona”, destacou a presidenta. A institución apoia asemade “todos os grandes eventos que se celebran en Vigo”, engadiu, para remarcar a colaboración con O Marisquiño, a feira Mindtech, a promoción do balonmán, os World Paddle Tour 2019 e 2021, o Vigo Sea Fest, o Simposio Nacional de Iluminación que acollerá esta semana a cidade e ata 11 grandes acontecementos máis.

Acción en todos os ámbitos
A presidenta detallou a acción de todos os servizos da Deputación en Vigo. En materia de igualdade creouse a Cátedra Feminismos 4.0., unha iniciativa pioneira en España “convertida en referente internacional e posta en marcha en colaboración coa Universidade, coa que temos unha extraordinaria relación”, precisou. Tamén púxose en marcha o proxecto Inspira Steam para fomentar a vocación científico-tecnolóxica entre as rapazas. “A igualdade é unha prioridade absoluta para a Deputación”, subliñou Carmela Silva, que lembrou o lanzamento en Vigo da plataforma Descúbreas, un “potentísimo proxecto de visibilización das mulleres artistas para que as mozas poidan construír unha carreira musical”. A Escola de Igualdade María Vinyals, tamén pioneira en Galicia, tivo presenza na sede coa celebración de tres xornadas, á que se sumará antes de que remate o ano unha cuarta, segundo avanzou a presidenta. “Colaboramos con máis de 250 actividades na cidade e concedemos preto de 300 subvencións na área de igualdade”, engadiu.

 

No eido cultural “a Deputación é unha das grandes promotoras da cidade”, puntualizou, para explicar que nestes seis anos colaborouse con entidades para celebrar 560 accións. Tamén se referiu á Escola de Letras en colaboración coa Editorial Galaxia, que celebra os seus obradoiros en Vigo na sede da Rúa Chao; ao programa musical Pontegal; a celebración de roteiros culturais ou á financiación de programación con mulleres artistas no MARCO, ademais de subliñar o apoio aos festivais escénicos e audiovisuais e ás Escolas de Música.

 

Nos programas da Deputación en materia social como En Ruta coa Depo, Depotermal, Depo en Marcha, DepoAventura ou DepoRuarte participaron máis de 25.200 persoas en Vigo, e a Deputación concedeu case 400 axudas a entidades sociais da cidade. Neste apartado Silva salientou os Cursos de Español para Inmigrantes que acolle a sede, “que axudan a xente que sufriu moito a obter a nacionalidade española”. En emprego “puxéronse espazos a disposición da cidadanía e déronse oportunidades para as persoas desempregadas a través dos distintos programas”, indicou Silva, que no apartado de turismo salientou a “gran promoción da cidade”, e en deportes sinalou que se concederon 1.530 axudas a clubes, ademais de asinarse convenios con seis entidades e federacións.

 

Actividade continua na sede
A sede de Vigo converteuse nun motor de actividade no Casco Vello con máis dun cento de actos culturais, sociais, de igualdade, emprendemento e deportivos. No ámbito da igualdade a presidenta lembrou que o edificio acolleu o nacemento da plataforma de apoio a mulleres artistas “Descubre-As”, así como dous actos máis desta iniciativa pioneira, ademais de tres xornadas da Escola María Vinyals, as entregas dos premios Sofía Novoa ou a presentación da campaña de Nadal de xoguetes non sexistas, exposicións e actos polo 8M.

 

O edificio é lugar frecuente de presentacións de novidades editoriais, acolle a Escola de Letras, e a sala Rosalía de Castro albergou sete exposicións. Na área social destacan os Cursos de Español para Inmigrantes e as actividades organizadas por entidades cidadás, que poden solicitar espazos para celebrar reunións, xornadas e outros eventos. Silva fixo un recoñecemento ao alcalde, Abel Caballero, pola cesión á Deputación do edificio da sede.

SmartPeme: un gran apoio ás pemes e o emprendemento
A presidenta destacou a labor do servizo SmartPeme, que da apoio ao emprendemento a través das TIC, e explicou que “ningunha outra administración ten unha rede destas características”. Carmela Silva explicou que a oficina da sede de Vigo acolleu “máis de 300 obradoiros formativos desde 2016 nos que participaron 3.500 persoas, e realizáronse 2.300 asesoramentos a 1.300 empresas”. No 2020 a carteira empresarial creceu de 298 a 406 e a pandemia transformou o modelo ao pasar a atención a ser eminentemente on line. “Celebráronse na sede 60 webinarios e hoxe o 86% dos asesoramentos realízanse telematicamente. Durante a pandemia mantívose o servizo en liña, algo que ninguén fixo”, explicou. A sede acolleu dous showrooms con empresas das aceleradoras de comercio e o turismo, a segunda xornada TurisTIC, e o peche do hackaton social para o terceiro sector.

No ámbito administrativo a sede da Deputación en Vigo rexistra unha alta actividade con máis de 3.000 persoas atendidas para trámites do ORAL e 3.500 rexistros de entrada. “Hai cidadáns continuamente na sede, e todas as persoas do sur da provincia poden facer aquí os seus trámites relacionados coa Deputación. É unha actividade moi potente”, indicou.

 

Os próximos investimentos
O investimento da Deputación manterá o seu ritmo na cidade co acordo xa alcanzado co Concello para realizar obras ata 2023. A colaboración inclúe o inicio da recuperación do dunar de Samil, ademais de accións do programa Vigo Vertical en Aragón e Juan Ramón Jiménez, novas humanizacións en Castelao, San Roque e Martínez Garrido, a mellora de firmes en viais e a cubrición do patio do colexio Javier Sensat. O investimento total é de 16 millóns, dos que a Deputación aporta 11.

 

A nova programación da sede
A sede seguirá a ser punto de encontro da cidade nos vindeiros meses. Ata xaneiro hai confirmados xa 20 actos. A presidenta destacou que o edificio acollerá tres exposicións: “Lebres coma gacelas”, que homenaxea a Xela Arias e recolle poemas de creadoras en diálogo con artistas visuais; unha mostra do artista cangués Raúl Velloso, e outra da creadora e crítica cultural Rosario Sarmiento. “Con esta última inauguraremos a sala Maruja Mallo, un novo espazo na sede para a exhibición artística que acollerá mostras de artes plásticas e queremos convertela tamén en sala importante de exposicións fotográficas”, detallou.

 

Tamén terán lugar novas sesións da Escola de Letras con Anna Figueiredo, un DemoDay da aceleradora de comercio de SmartPeme, e no ámbito da igualdade o cuarto acto da Escola María Vinyals e unha acción polo 25N. “Ademais presentaremos a nova campaña do xoguete non sexista, que será totalmente diferente, e en xaneiro faremos de novo a entrega dos Premios Sofía Novoa aquí”, adiantou a mandataria provincial.

 

O lanzamento de novidades editoriais continuará co acto de presentación de O cemiterio de barcos, de Francisco Castro, o 8 de outubro, e a selección de escritos Polos vieiros do fabulador: Cunqueiro e Pontevedra, o día 19 do mesmo mes.