A Deputación impulsa un novo certame provincial de Regueifa coa implicación de 41 centros de secundaria da provincia

Compartir
IES Carlos Casares. Fonte: Deputación

A rapazada está xa a participar nos obradoiros didácticos da Asociación Oral de Galicia que rematarán nunha exhibición final.

En Vigo son 14 os centros que toman parte na iniciativa.

 

A iniciativa está dividida en diferentes obradoiros formativos arredor da improvisación oral en verso nos que xa está a participar a rapazada e nunha exhibición final na que as equipas dos diferentes institutos se retarán dialecticamente para gañar o certame.

Os obradoiros están dirixidos a alumnado da ESO e estanse a celebrar en dúas quendas. A primeira comezou o pasado día 13 e finalizará hoxe, e a segunda comezará o 25 de outubro e rematará o 5 de novembro. A demostración final, que terá lugar o 19 de novembro no auditorio do CVC de Valadares en Vigo, estará limitada a dez centros, clasificándose estes en base ao nivel do alumnado, a súa implicación e o número de rapazas e rapaces interesadas.

O obxectivo das sesión formativas é o de traballar co alumnado as capacidades de improvisación a través da metodoloxía para a controversia tradicional en verso, un antecedente de manifestacións musicais actuais como é o rap. Así, trabállanse aspectos relacionados con conceptos poéticos, como son a rima, o ritmo ou a métrica, introducindo a perspectiva respectuosa e igualitaria, pero tamén a ironía e o sentido do humor, así como a tradición e cultura oral galegas.

 

Regueifa. Fonte: Deputación

 

Segundo explica a deputada de Lingua María Ortega, a intención de levar adiante este novo certame é promover actividades para poñer en valor a lingua galega entre a xente moza, potenciando habilidades comunicativas ao tempo que se recupera unha tradición. Hai que lembrar que a Asociación Oral de Galicia e a Deputación de Pontevedra xa impulsaron tamén dous volumes teóricos sobre a disciplina da regueifa, como foron ‘Repente galego’ e ‘Metodoloxía da regueifa’, ambos moi demandados tanto a nivel de público como de organizacións e profesionais docente que están a traballar a favor da recuperación desta fórmula de narración oral.

Por comarcas, participan na edición de 2021 do Certame Provincial de Regueifas de 14 centros da comarca de Vigo: IES A Guía, CPR Quiñones de León, Colexio Monterrey, Colexio Andersen-Augalonga, IES Rosais 2, IES Do Castro, IES de Teis, IES Carlos Casares, IES Coruxo, IES Álvaro Cunqueiro, IES Santa Irene, IES Castelao, IES Ricardo Mella, e IES Alexandre Bóveda.

Na comarca do Morrazo participan oito centros: IES Plurilingüe A Paraleia e IES As Barxas de Moaña; IES Monte Carrasco, CPR Sagrada Familia, Colexio Eduardo Pondal, IES de Rodeira e Colexio Plurilingüe Compañía de María en Cangas; e IES Illa de Ons en Bueu.

Da comarca do Salnés participarán o IES Miguel Ángel González Estévez de Vilagarcía de Arousa, o IES Faro das Lúas de Vilanova de Arousa, o IES As Bizocas de O Grove e o IES Vilalonga de Sanxenxo. No Val Miñor estarán presentes o IES Escolas Proval e IES Val Miñor de Nigrán, o CPI de Cova Terreña de Baiona, e o IES Auga da Laxe de Gondomar.

Do Condado-Paradanta estarán presentes no Certame tres centros, (o IES do Barral o CIFP A Granxa e o IES Pedra da Auga de Ponteareas), e do Baixo Miño serán dous, (IES Antón Alonso Ríos e IES Indalecio Pérez Tizón de Tui). A comarca de Pontevedra estará representada polo IES Ponte Caldelas do concello homónimo e o IES de Poio, da mesma localidade, mentres que do Deza Tabeirós o IES Pintor Colmeiro de Silleda e de Caldas o IES Aquis Celenis. Finalmente do Louriña participa o IES Ribeira do Louro, e da área de Vigo o IES Soutomaior, de Soutomaior.