“Esta liña de axudas conta cun orzamento de 45.000 € e permitirá contribuír ao financiamento de proxectos en países empobrecidos
. A Deputación mantén aberto ata este venres, 15 de marzo, o prazo para que as ONGD se beneficien das axudas provinciais de cooperación ao desenvolvemento. Esta liña de axudas conta cun orzamento de 45.000 € e permitirá contribuír ao financiamento de ata tres proxectos de
cooperación en países empobrecidos.
A través desta liña de axudas da Deputación as ONGD poderán optar a un máximo de 15.000 € para poñer en marcha os seus proxectos. En concreto, deberán ser iniciativas que contribúan á erradicación da pobreza multidimensional, á igualdade de xénero, á defensa da sostibilidade ambiental e loita contra o cambio climático, ao enfoque baseado en dereitos humanos, ao respecto pola diversidade cultural e a promoción da interculturalidade, á loita contra as desigualdades e á participación cidadá e ao fortalecemento institucional e da sociedade civil.
Terán prioridade aqueles proxectos desenvolvidos nalgúns dos once países considerados xeograficamente estratéxicos da África Subsahariana (Cabo Verde-Guinea-Bissau e Mozambique), América Central (Guatemala, Honduras, Nicaragua e O Salvador), América do Sur (Bolivia, Ecuador e Perú) e Caribe (República Dominicana). Ademais daqueles nos que a cooperación galega xere capacidades na atención a poboacións refuxiadas e desprazadas e aos países afectados por conflitos ou crises humanitarias; así como aqueles nos que a cooperación galega demostrase unha ampla experiencia de traballo, e os considerados países menos adiantados ou cun índice de desenvolvemento humano baixo.
Poden optar a estas axudas da Deputación as ONGD inscritas no Rexistro de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento da Xunta que teñan domicilio social ou delegación permanente na provincia de Pontevedra e que realicen actividades relacionadas coa cooperación ao desenvolvemento e co fomento da solidariedade entre pobos.