Participan Raquel Lama, investigadora en viroloxía molecular dos peixes en Francia; Cristina Lazcano, experta no cambio climático en California, e Carmen Figueiras, investigadora sobre a gripe en Londres
O debate poderá seguirse a través de GCiencia e das súas plataformas de Facebook e Youtube
. A Deputación de Pontevedra ofrece este xoves o terceiro dos encontros do ciclo “Ciencia en feminino”, o programa de pódcast e videopódcast que promove xunto a GCiencia para reivindicar o papel da muller na ciencia e na investigación. Nesta ocasión, o debate xirará arredor da investigación no estranxeiro e nel participarán as investigadoras Raquel Lama, experta en viroloxía molecular dos peixes en Francia; Cristina Lazcano, no cambio climático en California, e Carmen Figueiras, que investiga sobre a gripe en Londres, ademais da deputada provincial Sandra Bastos. Esta mesa redonda poderá seguirse, ao igual que o resto de encontros do ciclo “Ciencia en feminino”, a través da web de GCiencia e das súas plataformas de Facebook, Youtube, Google Podcasts, Spreaker, Spotify, IHeart, Deezer, Podchaser e Apple Podcasts.
A terceira sesión do ciclo reúne a tres investigadoras galegas que están a traballar ou traballaron no estranxeiro. Desta maneira, analizarase cal é a situación da ciencia en Galicia en comparación con Francia, Reino Unido e Estados Unidos. Tamén, se se sentiron algunha vez excluídas ou discriminadas por ser mulleres e como ven ou viron elas a igualdade de xénero nos centros nos que traballan ou traballaron. De igual modo, abordarase a conciliación e accesibilidade a bolsas de estudo, sempre en comparación cos
países nos que elas están a desenvolver as súas investigacións.
O ciclo “Ciencia en Feminino”, que promove a Deputación de Pontevedra ao abeiro da campaña “Seguimos con todas e para todas”, deseñada para conmemorar o 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, está a ofrecer en total dúas charlas coloquio e dúas conferencias sobre, entre outras cuestións, as vocacións femininas, o emprendemento na ciencia, a investigación no estranxeiro ou os teitos de cristal. Esta é a segunda das charlas-coloquio programadas, despois da que tivo lugar o pasado 14 de marzo, na que Alicia
Bruzos, bióloga especializada no cancro en animais mariños; Uxía García, primeira doutora aeroespacial da Universidade de Vigo; e Blanca Moncunill, paleontóloga na Universidade da Coruña, debateron sobre as vocacións femininas.