25 septiembre, 2024
Os participantes, de entidades de seis concellos da provincia visitarán lugares como O Grove, Portonovo, as illas da Toxa, Arousa, Ons, Sálvora, San Simón e Cíes, ou, entre outros, Campo Lameiro
Preto de 850 persoas de 13 entidades sociais dos concellos de Arbo, Mos, Pontevedra, Salceda de Caselas, Vigo e Vilagarcía de Arousa participarán esta fin de semana en saídas do +Convivencia da Deputación de Pontevedra, unha iniciativa que ofrece a oportunidade de compartir experiencias e crear espazos de participación en recursos patrimoniais da provincia. Neste caso, o programa provincial chegará a lugares como O Grove, Portonovo, as illas da Toxa, Arousa, Ons, Sálvora, San Simón e Cíes, ou, entre outros, Campo Lameiro.
As saídas comezarán este venres, 27 de setembro, cando 54 usuarios da Fundación para a Discapacidade e Emprego Juan XXIII, de Pontevedra, visitarán O Grove, a Illa da Toxa e Portonovo. Xa o sábado, 28 de setembro, haberá nove excursións. Desta maneira, 55 persoas da Asociación de Xubilados e Pensionistas de Arbo viaxarán ao Pazo de Oca; 54 da Asociación de Mulleres Rurais Val da Louriña, de Mos, coñecerán o Museo de Pontevedra, o conxunto histórico da cidade e a illa do Covo; 55 da Asociación Desenvolvemento Educativo e Cultural (ADEC), de Pontevedra, visitarán a Illa de Arousa; 54 persoas da Asociación de Veciños Heroes de Pontesampaio e outras tantas da Asociación Cultural de Pontesampaio, ambas de Pontevedra, visitarán as illas de Ons e Sálvora; 55 persoas da Asociación de Veciños Carballeira – A Picoña, de Salceda de Caselas, farán unha excursión marítima ao Grove e unha visita guiada pola zona vella de Pontevedra; 66 persoas da Asociación AMPA Agarimo do Colexio Atalaya Cantabria de Vigo, pasarán un día nas Cíes; 51 da AVCR San Mamede de Zamáns, de Vigo, realizarán unha excursión a Forcarei, e outras 54 persoas da Coral Rosalía de Castro, de Vilagarcía de Arousa, visitarán os pazos de Lourizán e Quiñones.
Por último, o domingo 29 de setembro 102 persoas da Asociación ANPA San Martiño de Salcedo, de Pontevedra, visitarán o Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre de Campo Lameiro, onde realizarán ademais un obradoiro; 142 persoas da ANPA Divino Salvador, de Vigo, coñecerán a enseada de San Simón nunha ruta marítima de Vigo a Redondela, e 50 persoas da Asociación de Mulleres Rurais de Vilaxoán “Avelaiña”, de Vilagarcía de Arousa, visitarán o Baixo Miño.
O programa +Convivencia, dotado de 220.000 euros, permite a entidades sen fins de lucro da provincia coñecer o patrimonio natural, artístico, etnográfico e cultural da provincia de Pontevedra. A Deputación oferta un amplo catálogo de actividades de todo tipo relacionadas coa arqueoloxía, coa arquitectura civil, a relixiosa, a popular, cos faros, co Camiño de Santiago ou cos museos. Todas as propostas están abertas a entidades de iniciativa social, asociacións de mulleres, de maiores, veciñais e culturais ou tamén ANPAS da provincia. O prazo para solicitar as actividades, que deberán realizarse antes do 15 de decembro, permanece aberto ata o 1 de decembro.
Como novidade, o goberno provincial destina este ano a cada entidade unha axuda de ata mil euros para que poidan xestionar e deseñar con total autonomía a súa actividade, favorecendo a contratación de empresas do tecido máis próximo e estimulando a economía local. Deste xeito rómpese co que acontecía ata o de agora, pois eran grandes grupos de viaxes, moi afastados das asociacións que organizaban as actividades, os que se facían coas ofertas.
Alerta