A Deputación pon a disposición da cidadanía e da investigación da memoria histórica preto de 1.000 imaxes do “Movemento” Franquista

Compartir
Archivo Movemento Franquista. Fonte: Deputación

A deputada María Ortega subliña a importancia “de poñer cara non só ás vítimas, senón tamén ás persoas que formaron parte do goberno represor”.

O material está dende hoxe dispoñible en liña no buscador ‘Atopo’,  logo da súa catalogación e dixitalización.

 

Nesas fotografías, que están dispoñibles en liña dende hoxe no buscador Atopo logo da súa catalogación e dixitalización por parte do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico provincial, recóllense actos en case todos os concellos da provincia nos que se pon de relevo a simboloxía franquista, o adoutrinamento da poboación, e a simbiose entre as institucións e o partido único naquel entón, a Falanxe.

A deputada de Memoria Histórica María Ortega destacou que o persoal provincial leva traballando meses arreo para dar “un novo paso para poñer luz na nosa memoria”, e poñer en valor material gardado en caixas e sen identificar. “Isto tíñase que ter feito antes, porque en todas as reunións de traballo que celebrei coas asociacións de memoria trasladaron como prioridade o acceso aos arquivos”, apuntou a nacionalista, que salientou o fondo que se saca á luz ten especial relevancia pois son escasas as imaxes que existen na provincia de actos de marcada ideoloxía franquista.

 

Archivo Movemento Franquista. Fonte: Deputación

 

Segundo destacou, un dos beneficios de dar a coñecer estes fondos é que permite, “poñer cara a personaxes que formaron parte da cúpula franquista do goberno represor e non só poñer cara ás vítimas”. Subliñou que este só é un primeiro paso “que agardamos completar” coa catalogación e posta a disposición do público doutro material existente no Arquivo que puidera ter interese para as persoas que investigan esta etapa. Manifestou a esperanza de chegar a acordos con outras entidades, (concellos, Museo, Arquivo Histórico provincial…), para colaborar na posta a disposición doutros fondos das mesmas características.

Por último, a deputada indicou que desde o departamento de Memoria enviáronse hoxe mesmo un enlace ás asociacións para que saiban da existencia do fondo.

 

Archivo Movemento Franquista. Fonte: Deputación

 

A técnica provincial de Memoria Montse Fajardo subliñou, pola súa banda, que o achado e a publicación dos fondos, é o feito máis importante do recentemente creado departamento de Memoria Histórica da Deputación: “Cando chegamos ao Arquivo e vimos esta marabilla dixemos ‘hai que facelo público xa’, e penso que aínda non temos claro o valor de todo este material para a memoria”, dixo, agradecendo a valentía da deputada por dar o paso de poñer cara ás persoas responsables do goberno da represión.

Salientou Fajardo que nas imaxes pode comprobarse como calquera pequeno acto se convertía nunha “loa ao réxime con toda a súa parafernalia e simboloxía franquista”. Insistiu en que é difícil para as persoas investigadoras atopar fotos de autoridades e represores polo que estes fondos do Movemento “son fundamentais para ilustrar traballos”.

 

 

Documentación e contextualización

Na presentación dos fondos do Movemento estiveron presentes a xefa do servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico Ana Vicente, así como os responsables dos apartados de documentación, José Luis Castro Carpintero, e audioviduais, José María Cumbraos. Estes recoñeceron o labor do anterior xefe do Arquivo, Miguel Pereira Figueroa, quen no seu momento, no ano 2003-2004, e grazas ao seu espírito arquiveiro “loitou contra moitas vicisitudes”, para recoller a documentación e conservala “días antes de que fose destruída”, traballo que hoxe, logo dun tempo, se puido completar tras anos no esquecemento.

 

Archivo Movemento Franquista. Fonte: Deputación

 

Explicaron que o Movemento era o conxunto de órganos e mecanismos do réxime franquista (a Falanxe como partido político único, a organización sindical vertical e os múltiples órganos de encadramento social, a Fronte de Xuventudes, Educación e Descanso, a Obra Sindical do Fogar, Auxilio Social e outros), e estaba encabezado provincialmente polo gobernador civil, que asumía en cada territorio a súa dirección.

As imaxes que compoñen o fondo da Xefatura do Movemento na provincia que se acaba de sacar á luz abranguen un espazo temporal de oito anos, de 1951 a 1959 correspondendo cos mandatos de tres gobernadores civís: Elías Palao Martialay, (xuño de 1951 a febreiro de 1956), Alberto Martín Gamero, (entre febreiro e abril de 1956), e Rafael Fernández Martínez, (de abril de 1956 a marzo de 1961).

 

Man en alto. Fonte: Deputación

 

Polo de agora procedeuse á dixitalización de 971 imaxes para favorecer a súa conservación e facilitar a súa posta a disposición a través do metabuscador Atopo. Con respecto a catalogación e contextualización das mesmas, levouse a cabo un importante traballo de documentación, (apoiado nos recortes de prensa existentes nos álbumes e noutras fontes bibliográficas e documentais), para facilitar a identificación das actividades recollidas nas imaxes e das persoas participantes, principalmente cargos políticos.

 

Archivo Movemento Franquista. Fonte: Deputación

 

As imaxes pódense agrupar en diferentes temáticas ou categorías, todas elas determinadas polas actividades políticas da Xefatura e do Goberno Civil. Así, hai imaxes de actos propiamente internos do Movement, (visitas de cargos ministeriais, nomeamentos, reunións de cargos ou xefes locais con brazos en alto…), imaxes de actos de louvanza do réxime franquista, (conmemoración en honra dos caídos, do fin da guerra civil, da fundación das Falanxes galegas…), fotografías que reflicten aspectos sociais, (actividades relacionadas coa beneficiencia e o auxilio social, entregas de vivendas da Obra Sindical…), e dun xeito destacado, imaxes de visitas e percorridos do gobernador civil correspondente polos concellos, e comarcas da provincia, na maior parte dos casos co fin de inaugurar obras e infraestruturas convertidos así en verdadeiros acontecementos sociais para a súa veciñanza.

 

Mulleres nun acto da falanxe. Fonte: Deputación

 

Este conxunto de fotos que agora se poñen a disposición de investigadores e da cidadanía en xeral a través de Atopo, está vencellado a outros dous fondos dos xestionados polo Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación: os da Xunta de Axuda a Municipios, órgano técnico que funcionou entre 1945 e 1965, encargado do financiamento e da realización de obras e infraestruturas nos concellos e os da Comisión Provincial de Servizos Técnicos, posteriormente Servizo de Cooperación. Trátase dun conxunto total de máis de 4000 imaxes.

 

Simboloxía fascista. Fonte: Deputación