A Deputación recibe a Chano Rodríguez e recalca o seu apoio ao deporte paraolímpico

Compartir

A Deputación recibe a Chano Rodríguez e recalca o seu apoio ao deporte paraolímpico con axudas lineais de 5.000 € a cada deportista.

O nadador, que é o atleta máis veterano dos que participarán na cita olímpica de Tokio, non descarta continuar ata París 2024

  A Deputación de Pontevedra recalca o seu apoio aos deportistas da provincia que competirán nos Xogos Olímpicos e Paralímpicos de Tokio cunha recepción ao nadador Sebastián (“Chano”) Rodríguez Veloso, que mantivo un encontro co deputado Gorka Gómez.  O deputado de Deportes explicou que este ano creouse unha liña de axudas de 75.000 euros, que será repartida cunha subvención nominativa lineal de 5.000 euros a cada deportista olímpico e paralímpico.

 

Gorka Gómez recoñeceu o traballo do deportista vigués, que vivirá en Tokio a súa sexta cita olímpica despois de ter pasado por Sidney, Atenas, Pekín, Londres e Río de Xaneiro, acumulando un total de 16 medallas (oito de ouro, catro de prata e catro de bronce). Rodríguez é o deportista español en activo con maior número de ouros. O deputado lembrou que o deporte de élite da provincia xa dispón das liñas de axudas DepoDan e DepoPromesa, cunha dotación total de 250.000 euros. Este ano, ao coincidir con ciclo olímpico, as achegas provinciais increméntanse nestes 75.000 euros para os que compitan na capital xaponesa.

Chano Rodríguez, con 64 anos, será o participante máis veterano dos Xogos Olímpicos e, a pesar diso, afirma que non renuncia a participar en París 2024: “dende que comecei en Sidney levan preguntándome se vou participar nos seguintes e con esta van seis, así que digo o mesmo, aínda que xa sei que na casa vou ter lea”. O nadador afirma que estes van ser uns Xogos “moi raros” polas restricións derivadas da pandemia. “Tiven a enorme sorte de vivir xa cinco citas olímpicas e en todas teño o costume de almorzar, comer e cear cada día cun país distinto, e este ano non vou poder facelo, mesmo hai rumores de que teremos que comer nas habitacións; síntoo por min, pero sobre todo pola xente nova que vai participar nas súas primeiras Olimpíadas”.

 

O deportista expresou o seu agradecemento á Deputación polo apoio ao deporte e a el e afirmou estar “encantado de levar o nome de Galicia, de Vigo e de Pontevedra alá onde compito”. Sobre a súa preparación, concluíu, que está a ser moi esixente, dado que este ano vai competir na distancia de 200 metros “por cousas da idade”, cando a súa distancia ideal era, ata o de agora, os 50 metros.