A Deputación reclama á Xunta de Galicia que cumpra un acordo asinado en 2010 para asumir a titularidade da estrada Caldas-Carracedo-Catoira

Compartir
Deputación de Pontevedra

Envía unha carta ao presidente Feijoo e á conselleira Ethel Vázquez lembrándolles que en 2016 as Deputacións de Pontevedra e A Coruña, xunto aos concellos de Rianxo e Catoira, solicitaron conxuntamente a transferencia da estrada e da ponte sobre a ría de Arousa.

 

A Deputación vén de dirixirse por carta ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, e á conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, para reactivar o proceso de transferencia mutua de estradas asinado no ano 2010 e que leva 11 anos paralizado. A Deputación expresa a vontade de establecer como máxima prioridade a transferencia da estrada provincial EP-8001 Caldas-Carracedo-Catoira tendo en conta a súa singularidade como estrada interprovincial e que, ademais, absorbe un importante volume de tráfico que circula entre dúas vías de alta capacidade, como son a autovía autonómica AG-11 do Barbanza e a AP-9.

A carta recorda, ademais, que a transferencia da EP-8001, incluíndo a ponte interprovincial de Catoira, xa foi solicitada en 2016 nun acto público no que participaron a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, xunto aos alcaldes de Catoira, Alberto García, e Rianxo, Adolfo Muíños e que se celebrou no viaduto sobre a ría de Arousa. Unha solicitude que foi presentada como un intento de racionalizar a xestión de infraestruturas que absorben tráficos industriais e de longa distancia que nada teñen que ver coas comunicacións locais.

A Deputación invoca agora a cláusula sexta do Acordo entre a Consellería e a Deputación, asinado o 14 de decembro de 2010 entre o ex-conselleiro Agustín Hernández e o ex-presidente provincial, Rafael Louzán, polo que se crea unha Comisión de Seguimento bilateral entre ámbalas dúas institucións formada por dous representantes de cada unha. O Acordo, (que ten rango legal de protocolo), segue vixente pois a súa cláusula final e sétima establece que a súa duración “virá determinada polo prazo en que se cumpran as actuacións sinaladas, a través dos correspondentes convenios” de transferencias de estradas.

A EP-8001 conta cunha lonxitude de 10,2 Km e no Acordo prevese a súa transferencia completa atendendo ao seu carácter interprovincial e ao feito de que asume un elevado volume de tráfico, (en torno a 8.000 vehículos día, especialmente no tramo entre Catoira e Carracedo, onde se sitúa o enlace coa AP-9), e moita circulación pesada-industrial. Todo elo repercute na seguridade viaria. A Deputación suxire na carta enviada a Ethel Vázquez a posibilidade de que unha vez encadrada na rede autonómica de estradas, a Xunta valore a posibilidade de transformala nunha vía de alta capacidade que enlace a autovía do Barbanza coa Autoestrada do Atlántico.

Finalmente, a misiva expresa a vontade da Deputación de cooperación institucional para cumprir o resto dos compromisos adquiridos en 2010 coa sinatura deste acordo, é dicir, de asumir a titularidade das 10 estradas autonómicas que, polo seu carácter secundario, encaixan mellor na rede provincial de estradas, unha rede que suma 1.700 Km repartidos en 377 vías e cunha lonxitude mesmo superior á da suma de tódalas estradas autonómicas e estatais da provincia.

O protocolo do ano 2010 prevé que a Deputación transfira á Xunta 14 estradas cunha quilometraxe total de 156 Km: EP-2303, Gondomar-Vilaza-Parada; EP-2908, Arcade-Amoedo (treito Arcade-Soutomaior); EP-5003, A Cañiza-Arbo; EP-5005, A Cañiza-Pousa (treito A Cañiza-A-52); EP-5005, A Cañiza-Pousa (treito A-52-Pousa), EP-5104, Maceira-Avión; EP-6306, Agolada-Cruces; EP-7001, A Estrada-Forcarei; EP-7017, Callobre-Ponte Ledesma; EP-7101, Cerdedo-A Portela; EP-7201, Cachafeiro-Silleda; EP-7207, Cachafeiro-Vilapouca; EP-8401, Portela (Cuntis)-Souto de Vea (A Estrada) e, finalmente, a referida EP-8001, Catoira-Carracedo-Caldas de Reis. De todas elas tan só se ten transferido, a principios de 2011, a estrada Cachafeiro-Vilapouca e a propia Xunta asumiu unha obra de 600.000 euros antes de recibila.

Pola outra banda, a Deputación comprometeuse a recibir 1080 Km de estradas autonómicas da provincia que se considera que articulan comunicacións locais: PO-190, Alto do Cordeiro; PO-210, Bandeira-Estación de FCC de Bandeira (Silleda); PO-211 Silleda-Estación de FCC de Silleda; PO-213, A Estrada-Ponte Ulla; PO-224, Ponte Bora-San Antoniño (Pontevedra); PO-230 Campo Lameiro-Vichocuntín; PO-310, Poio (acceso a Boavista)-Campañó; PO-315, Bueu-Cangas; PO-325, Vigo-A Ramallosa; PO-341, Vincios-Couso; PO-343, Mosende-Chenlo (O Porriño); PO-354, As Patas-Loureza (O Rosal); PO-415, As Neves-As Neves; PO-422, Frieira-Estación de Frieira (Crecente) e PO-530, Deiro-Tremoedo (Vilanova).