A Deputación rende homenaxe ao deporte da Provincia no castelo de Soutomaior: “Sodes o reflexo do que queremos ser”

Compartir
Gala do Deporte. Fonte: Deputación

Carmela Silva: “Esta provincia está a darlle os maiores éxitos deportivos a Galicia, e temos que recoñecer a quen desde o deporte axudan a construír sociedade, e levan o noso nome a nivel nacional e internacional”.

A cerimonia brindou unha sentida lembranza a Fran Teixeira, o técnico máis laureado do balonmán Galego e traballador da Institución Provincial.

 

Orgullo e recoñecemento por una Provincia que vive o deporte e por uns e unhas deportistas que están a darlle os maiores éxitos neste eido a Galicia. Foi o que esta tarde puxo en valor a gala organizada pola Deputación de Pontevedra para honrar a todo o deporte Provincial e, de xeito máis especial, ás e aos seus deportistas de alto nivel, promesas, olímpicos/as e paralímpicos/as, que converteron este 2021 nun ano excepcional.

Preto de 200 persoas déronse cita nos xardíns do Castelo de Soutomaior nesta homenaxe ao esforzo e aos valores que estes protagonistas transmiten ao resto da sociedade, e no que tamén se realizou un sentido recoñecemento ao adestrador de balonmán Fran Teixeira, recentemente falecido.

 

Gala do deporte. Fonte: Deputación

 

O evento, retransmitido en streaming e conducido polo xornalista Terio Carrera e por Lorena Pérez, capitana do Atlético Guardés de Balonmán, desenvolveuse nun espectacular escenario decorado en cores lila e gris, e reuniu en Soutomaior ás a unha representación dos 181 deportistas becados este ano coas bolsas da institución DepoDan, (Alto Nivel), e DepoPromesa, así como dos 24 deportistas da provincia que acudiron ás Olimpiadas e Paralimpiadas de Tokio. Amais, entre o público estiveron representantes das federacións e clubes, así como dos Concellos da Provincia e Deputados e Deputadas.

 

Gala do deporte. Fonte: Deputación

 

A Presidenta Provincial, Carmela Silva, enxalzou os logros acadados este ano polos e polas protagonistas do acto, pero sobre todo, o seu “esforzo e sacrificio”. “Son consciente de que o deporte crea sociedades máis inclusivas e con maiores valores ,subliñou. Por iso apoiar o deporte é imprescindible para construír sociedades mellores e máis avanzadas”. Neste senso, apuntou que para a Deputación “é unha obriga” o respaldo ao deporte base, “para que clubs e deportistas poidan ter recursos para desenvolver as súas disciplinas”, e ao deporte de elite “que é tan importante e sitúanos a nivel nacional e internacional”. “A xente sabe que existe a provincia de Pontevedra por moitas razóns, pero eles e elas levan o noso nome onde compiten e estamos moi agradecidos e agradecidas, porque son o reflexo do que queremos ser na provincia de Pontevedra”. “E amais esta provincia está a darlle os maiores éxitos deportivos a Galicia”, salientou, tras recoñecer as 8 medallas e 13 diplomas acadados polos e polas representantes da provincia nos Xogos de Tokio.

Sen dúbida, o momento máis emotivo foi a sentida homenaxe brindada a Fran Teixeira, que faleceu recentemente. Trala proxección dun vídeo no seu recordo, foi Daniela Cid, xogadora infantil do Club Balonmán Chapela,o último equipo que adestrou Fran Teixeira durante 14 anos, quen fixo entrega á súa viúva Salomé Martínez, ao seu fillo Adrián e a súa parella Marta, así como á súa filla Alejandra, dun retrato do adestrador feito pola artista Pilar Delmas, entre o cálido aplauso do público. A presidenta mostrou o seu respecto e agarimo pola figura do adestrador desaparecido, e congratulouse de que “aínda que esta é unha homenaxe póstuma, xa en vida Fran puido desfrutar do agarimo e da admiración de toda a provincia, como viviu no acto que celebramos na sede provincial en Vigo”.

 

Gala Deporte. Fonte: Deputación

 

Juan Saavedra (tiro), Támara Echegoyen (vela), Antía Jácome (piragüismo), Agustín Alejos (baloncesto), Gustavo Rodríguez (guía de ciclismo), e Chano Rodríguez (natación), conformaron a representación olímpica e paralímpica presente na gala, xunto á xogadora de balonmán Begoña Fernández, mentres que no caso dos e das deportistas becados coas bolsas DepoDan e DepoPromesa, interviñeron Pablo Cabana (natación), Álex Sierpes (atletismo) e Lidia Pérez (loita olímpica). Tamén tiveron voz no acto Susana García Senra ,(en representación da Federación Galega de Deporte Adaptado), Fredi Bea (Federación de Piragüismo).

No evento, que foi amenizado coa actuación musical do dúo Irewire e que contou amais cun animado photocall, proxectáronse dous vídeos, un que recolle os nomes das e dos deportistas becados coas bolsas DepoDan, (que son neste ano 137, 58 mulleres,) e DepoPromesa (44 deportistas, 17 mulleres), e o audiovisual. A realidade das mulleres deportistas, lanzado pola Institución Provincial este ano con motivo do 8M para enxalzar os logros das deportistas, e denunciar as discriminacións que aínda existen neste ámbito.