19 agosto, 2021
A deputación revalida o seu apoio a Afamo cunha achega de 15.000 € para o seu proxecto de atención integral a persoas con alzhéimer e outras demencias.
Inclúe actividades de avaliación, asesoramento, fisioterapia e terapia ocupacional para mellorar a calidade de vida de persoas con enfermidades neurodexenerativas.
A deputada provincial Olga García vén de visitar a sede da Asociación de Familiares de Persoas con Alzhéimer do Morrazo (AFAMO), coa que a Deputación colabora este ano cunha achega de 15.000 € para a posta en marcha do seu proxecto de atención integral a persoas con alzheimer e outras demencias neurodexenerativas.
O programa, que conta cun período de actuación anual, está a beneficiar a 30 persoas afectadas por algún tipo de demencia na comarca do Morrazo.
O proxecto de atención integral a persoas con alzhéimer e outras demencias neurodexenerativas está pensado para mellorar a súa calidade de vida e rehabilitar e/ou adiar a progresión do deterioro das súas capacidades cognitivas e funcionais a través da fisioterapia e a terapia ocupacional.
Así, os seus obxectivos principais consisten no mantemento da mobilidade e independencia dos/as doentes, na prevención de complicacións, identificación de factores de risco para evitar caídas, corrección trastornos da marcha, redución da dor articular e muscular e mellora da autonomía nas actividades diarias. A metodoloxía do programa está fundamentada nunha intervención na que se traballa na rehabilitación física e outras terapias nas persoas enfermas e se asesora e orienta as súas familias.
O proxecto partiu dunha valoración do nivel de deterioro cognitivo e funcional dos afectados/as de alzhéimer e outras demencias e do asesoramento e orientación aos seus familiares. Durante o seu desenvolvemento, a través da fisioterapia estase traballando a rehabilitación física da persoa afectada, o seu adestramento no domicilio e a prevención de complicacións derivadas da inmobilidade; e, pola súa banda, a través da terapia ocupacional estanse a estimular as destrezas motoras e cognitivas, así como a práctica de diferentes actividades de lecer.
Finalmente, amais da avaliación individual de cada unha das sesións e participantes, procederase á realización dunha avaliación de todo o proxecto que permitirá verificar a consecución dos obxectivos fixados en cada caso.
A Asociación AFAMO constituíuse en setembro do 2000 na comarca do Morrazo coa finalidade de atender ás demandas dun colectivo de familias e persoas afectadas polas graves consecuencias do alzheimer e outras demencias. Na actualidade trátase dunha entidade sen ánimo de lucro que traballa nos concellos de Moaña, Cangas, Bueu e Vilaboa para asesorar e apoiar aos familiares e facilitar a rehabilitación dos afectados/as mediante terapias non farmacolóxicas.
Alerta