A institución súmase á iniciativa promovida por “querENDO” alumeando o Pazo entre este xoves e venres polo Día Mundial da Endometriose
. A Deputación de Pontevedra tinguirá de amarelo o seu Pazo Provincial desde este xoves 14 ata a mañá do venres 15 de marzo ao abeiro da conmemoración do Día Mundial da Endometriose. Deste xeito, a institución súmase ás reivindicacións de “querENDO”, Mulleres con endometriose, para conmemorar esta data e dar visibilidade a todas aquelas que a padecen.
O Día Mundial da Endometriose celébrase o 14 de marzo co obxectivo de informar ao conxunto da sociedade sobre os síntomas da enfermidade, a súa diagnose e os diferentes tratamentos existentes.
Trátase dunha patoloxía de causa descoñecida que consiste no crecemento de tecido endometrial fóra do útero que pode producir fortes dores.
A asociación “querENDO” actúa no ámbito galego co fin de axudar ás mulleres con endometriose e promover tanto a investigación sobre a enfermidade como a colaboración coas distintas Administracións Públicas. Estipúlase que Galicia conta con preto de 60.000 afectadas con esta enfermidade crónica e debilitante. O aumento da concienciación sobre esta doenza está a facilitar a súa detección precoz aínda que, de media, tárdanse entre 8 e 10 anos, despois dos primeiros síntomas, en obter a súa diagnose.