A Deputación volve a recoñecer o talento da mozas e mozos de provincia, coa V Edición da Gala dos Premios á Xuventude

Compartir
Gala da Xuventude. Fonte: Concello

A cita terá lugar este sábado ás 11.00 horas no exterior da Deputación e nela desvelaranse as e os gañadores dos Premios Provinciais, e se fará entrega dos diplomas do II Concurso Reacción polo Clima.

 

O talento e o esforzo da xente máis nova da provincia volverán a ser recoñecidos este sábado na quinta edición da Gala dos Premios Provinciais á Xuventude que, organizada pola Deputación de Pontevedra, celebrarase no exterior do Pazo Provincial ás 11 da mañá.

 

A presidenta Carmela Silva recordou que estes premios “pretenden estimular e recoñecer a traxectoria da mocidade en diversas actividades así como o seu esforzo e compromiso con todas as disciplinas que premiamos”. No evento tamén se entregarán os diplomas ás e aos gañadores da segunda edición do concurso Reacción polo Clima, cuxa finalidade é promover a loita contra o cambio climático a través de manifestacións artísticas visuais realizadas pola xente moza “porque delas e deles vai a depender o compromiso para manter un medio ambiente saudable”.

A gala estará conducida por María Soliño e Mónica Salinero, fundadoras da aplicación de turismo Capptus, e contará coa actuación musical da grovense Carolina Rubirosa Dúo, “unha das artistas con maior proxección en Galicia”. Ademais, nela proxectaranse dous vídeos nos que aparecerán a cantante e actriz pontevedresa Cora Velasco e o deseñador Gabriel Nogueras, formado na cidade de Pontevedra e gañador da XVII edición do premios Mercedes-Benz Fashion Talent pola colección “Fat Man” da súa firma Rubearth, como lembrou a presidenta provincial. “Pretendemos que estes vídeos sirvan para fomentar a participación da mocidade nestes premios e para poñer en valor que cando tes un soño e o persegues convértese nunha realidade, como foi o caso de Gabriel e Cora”.

Este ano presentáronse aos Premios Provinciais á Xuventude 64 proxectos dos que 30 obterán galardón. Os nomes das e dos premiados non se coñecerán ata a gala pero Carmela Silva adiantou que entre estas persoas hai 16 mulleres, 14 homes e 3 centros educativos “porque nas nosas bases é obrigatorio que os premios sexan paritarios”. Todas elas e eles recibirán unha escultura realizada polo alumnado da Escola de Cantería, un acto co que a Deputación tamén recoñece “a esa xente moza que se está preparando para ser canteira ou canteiro”.

 

Gala Xuventude. Fonte: Deputación

 

O certame, dotado con 32.000 euros, conta nesta edición con nove categorías, (iniciativa social, iniciativa empresarial, educación en valores, contido dixital, traballos musicais, traballo literario, banda deseñada, fotografía orixinal e deseño e moda), ás que se presentaron persoas entre 16 e 35 anos coa excepción da categoría de educación en valores, na que ao abrirse aos centros educativos participaron nenas/os e mozas/os de entre 12 e 18 anos.

Carmela Silva quixo lembrar tamén ás e aos gañadores da segunda edición do concurso Reacción polo Clima, que o sábado recibirán o seu diploma, no que Lara Cores (Pontevedra), alzouse co primeiro premio por “Adiós ríos, adiós fontes”. Neste certame Manuel Albariñas e Yago Rodríguez, (Marín e Pontevedra), que xa gañaran o primeiro premio na edición anterior, acadaron o segundo posto con “Puro Aire”, unha peza na que “visibilizaron que somos os seres humanos os que provocamos a contaminación”. O terceiro premio foi a parar ao Colexio Marcote de Vigo co rap “Antropoceno destrucción”.