1 febrero, 2024
‘A DONA DO ESTEIRO’, ENCARGO DO CONCELLO DE NIGRÁN Á ARTISTA LULA GOCE , PROCLAMADO SEGUNDO MELLOR MURAL DO MUNDO DO ANO 2023
Galicia arrasa na prestixiosa plataforma internacional de arte urbano ‘Streetartcities’ ao acaparar os tres primeiros postos na lista dos 50 mellores murais de todo o planeta
Está situado na Ramallosa, entre a rúa Argonautas e Romana Baixa. “O mural triunfou desde a súa estrea porque embeleceu espectacularmente unha zona ata entón anodina e agora este premio fai que Nigrán se difunda internacionalmente”, sinala o alcalde, Juan González
A artista Lula Goce, nacida en Baiona e con taller en Nigrán, concentra na localidade o seu maior número de obras de toda Galicia
O segundo mellor mural do mundo do ano 2023 está oficialmente en Nigrán, concretamente na Ramallosa e é obra da artista miñorana Lula Goce. A desbordante beleza da ‘Dona do Esteiro’ resultou finalmente subcampiona na prestixiosa plataforma de arte urbana ‘Streetartcities’, posicionándose Galicia como o maior referente planetario ao respecto ao acaparar os tres primeiros postos (o número 1 foi para Sfhir en Fene, e o 3 para Yoe 33, en Lugo). Os tres impuxéronse na votación popular entre 50 obras distribuídas por todo o mundo (Arxentina, Brasil, Francia, Chile, Italia… ).
‘A dona do Esteiro’ xurde no 2023 tras contratalo o Concello á artista Lula Goce, nacida en Baiona e con taller en Nigrán. Este ‘milagre’ natural de rostro feminino e aderezado con garzas, flores, mar e prantas foi encargado co obxectivo de transformar a gran medianeira de 250 m² situada na esquina entre rúa Argonautas e Romana Baixa e o muro da piscina mancomunada ata o Camiño da Cabreira. Este lugar, antes anodino pero de gran afluencia de xente, é, grazas á intervención de Lula, unha icona de Nigrán que impacta á veciñanza pola súa beleza e pola súa capacidade de transfigurar lugares. Nas vindeiras semanas, o Concello humanizará o espazo en desuso ao carón da ‘Dona’ para que sexa un lugar de lecer desde onde contemplar tranquilamente a súa beleza.
“O mural triunfou desde a súa estrea porque embeleceu espectacularmente unha zona ata entón anodina e agora este premio fai que Nigrán se difunda internacionalmente. É xa un referente máis do noso municipio”, considera o alcalde, Juan González, quen acudíu esta mañá persoalmente ao taller de Lula en Nigrán para transmitirlle os seus parabéns. “Estou moi contenta, o nivel dos participantes era moi alto e acadamos esta segunda posición que, espero, contribúa a visibilizar aínda máis a obra e, paralelamente, a dinamizar toda esa zona, porque ese era precisamente o obxectivo”, recoñece Goce.
A artista concentra na localidade o seu maior número de obras de toda Galicia, sendo esta a súa primeira medianeira do Miñor. Así, no 2018 pintou a fachada do CEIP Carlos Casares de Vilariño, no 2020 o Campo Municipal de Condomínguez de Priegue e, no mesmo ano, un gran mural en Panxón. Todas pezas contratadas polo Concello e ás que se sumou en abril de 2023 ‘A Dona do Esteiro’, polo que o municipio forma unha parte esencial do seu circuíto de murais internacionais, xa auténticos emblemas en países como EEUU, México, Israel, Portugal, Italia, Bélxica, Francia… “É unha honra traballar en casa e que a veciñanza se amose tan receptiva e cariñosa conmigo, son de Baiona e tamén filla adoptiva de Nigrán”, confesa Lula.
‘A dona do esteiro’
Unha vez máis, como é característico na súa obra, a exhuberancia da natureza e a beleza feminina mesturarase neste gran conxunto mural para trasladar á cidadanía unha mensaxe en defensa do medioambiente e tamén de orgullo de pertenencia e de identidade compartida. “A Foz é o gran punto de encontro dos tres municipios, un lugar que forma parte esencial do que significa o Miñor e que é realmente marabilloso”, explica Lula, asidua aos paseos polo esteiro para admirar os atardeceres ou as propias garzas que traslada tamén ao mural. Como punto gótico, tamén habitual na súa obra, o bestiario ou gárgola que a muller sostén na man, “simboliza o lado escuro do ser humano, a parte máis oculta e que tamén conforma a nosa personalidade”.
A gran novidade neste traballo é que, por vez primeira, empregou a intelixencia artificial para xerar o rostro da ‘Dona do Esteiro’ a partir dunha mestura dunha imaxe de Penélope Cruz con outras mulleres elixidas aleatoriamente. Sen embargo, debido as circunstancias emocionais na que traballou neste mural, a muller a quen Lula llo adica si ten nome e apelidos: Lourdes Goce, a súa nai. “Pola súa tenacidade, forza e capacidade para superar todos os obstáculos que a vida lle plantexa”.
Lula Goce licenciouse en Belas Artes en Salamanca na especialidade de Pintura. En Barcelona realizou un Máster de creación artística e o DEA na Facultade de Belas Artes da UB de Barcelona. Estudou Deseño Gráfico na BAU e Ilustración na Escola da Dona, ademais de traballar en centros de produción artística como Hangar, en Poblenou, e formar parte do espazos artísticos como Caminal ou A Escocesa. O seu traballo como muralista é recoñecido no mundo enteiro. Nas súas próximas citas estará en Requena para pintar unha bodega de cava, en Mónaco coa Fundación Príncipe Alberto, coa Fundación Celta de Vigo, Suíza, Detroit, Santiago, Doha e Mallorca.
Alerta