Paseo Canelas. Fonte: Concello
15 octubre, 2021
O retraso nos traballos, que se están executando agora, debeuse a que son accións específicas que correspondían a empresas auxiliares.
Algúns desperfectos tiveron a súa orixe en deficiencias nos materiais, pero outras eb actos de vandalismo.
A empresa adxudicataria da reordenación do litoral dende Ferrazo ata despois da praia de Canelas, Sergonsa Servicios, SL, está desenvolvendo as obras de arranxo e mellora que lle esixiu o Concello hai xa máis dun mes, despois de que se detectaron os primeiros desperfectos nunha obra na que se investiron máis de 640.000 euros. As razóns polas que se retrasaron eses arranxos foron que se trata de aspectos moi concretos que Sergonsa realizou a través de subcontratas especializadas.
Unha vez que o concello requeriu á empresa, o director facultativo da obras, tamén autor do proxecto, Alexandre Mouriño, emitiu un informe no que relataba as dúas deficiencias detectadas e as actuacións que se ían levar adiante para subsanalas, é dicir, o que se está a facer agora mesmo.
En primeiro lugar, as deficiencias nas pezas de madeira de iroko que conforman o pasamáns. Segundo se puido comprobar, o mecanizado inferior das pezas fixo que estas non se comportaran correctamente polo que se está a colocar unha “U” galvanizada na canle que se lle fixo á madeira para darlle maior rixidez e, por tanto, eliminar o problema detectado. Ademais, a empresa susbtituirá aquelas pezas que amosan unha xeometría non axeitada debido aos nós da propia madeira e aqueles que teñen unha dirección incorrecta da fibra.
O segundo desperfecto rexistrado, (puntual, non xeral), ten que ver cos perfís metálicos horizontais. Ao respecto, o arquitecto indicou que “claramente” esas anomalías se deberon “a actos vandálicos”. Malia ser cuestións puntuais, a empresa construtora reforzará os encontros de pezas para evitar na medida do posible que eses perfís poidan resultados danados con facilidade.
As incidencias foron comunicadas en varias ocasións á empresa, que sempre se amosou disposta a asumir os arranxos. Sen embargo, ao depender de empresas auxiliares, que xa estaban realizando outras obras en outros lugares de Galicia, non foi ata agora cando se puideron levar a cabo eses traballos.