A Escola de Letras retoma a súa actividade cun obradoiro no que Anna R. Figueiredo ensinará a “Escribir unha novela”

Compartir

A Escola de Letras da Deputación de Pontevedra e a Editorial Galaxia volve a abrir as súas portas tras un parón estival cun obradoiro de Anna R. Figueiredo, unha das novas incorporacións deste proxecto. Durante oito sesións, que comezan este mércores e se levarán a cabo ata o 3 de novembro, a autora dará as claves de como “Escribir unha novela” na sede da Deputación en Vigo no que será o cuarto taller deste programa. As 15 persoas que participarán nel mergullaranse na creación literaria e aprenderán da experiencia de Figueiredo os días 15, 22 e 29 de setembro; 6, 13, 20 e 27 de outubro e 3 de novembro de 18.00 a 20.00 horas.

Tras o taller de Anna R. Figueiredo, que esgotou as súas prazas en tan só tres minutos, virán outros dous obradoiros que pecharán esta segunda edición da Escola de Letras. Serán un “Obradoiro Literario” impartido por Diego Giráldez que dará comezo o 6 de outubro e un “Obradoiro de Poesía” impartido por Elvira Ribeiro, que este ano tamén debuta como parte do profesorado da Escola, que se realizará no mes de decembro. Ambos terán lugar no Edificio Administrativo da Deputación de Pontevedra e teñen tamén todas as prazas esgotadas. Antes destes talleres Inma López Silva realizou dous “Obradoiros Literarios” en Vigo e Pontevedra e Antonio García Teijeiro impartiu un “Obradoiro de Poesía” en Vigo.

Anna R. Figueiredo
A profesora deste obradoiro da Escola de Letras é autora de “Os bicos feridos” a que foi a súa primeira novela e que lle levou a acadar o I Premio Viadutos de Novela 2018. Ademais, a súa creación literaria foi galardoada tamén con premios como o de Relato Curto de Mugardo (2014), o Quintal Literario (2014) ou o de Relato Curto Inspiraciencia (2014). Anna R. Figueiredo chega á Escola de Letras con experiencia previa neste tipo de formacións posto que ten participado de xeito activo en talleres de innovación docente e de creación e proxección cultural, como o FLIV20 (Festival Virtual da Literatura Galega), e asociacións a prol da cultura e creación literaria, como a AELG (Asociación de escritoras e escritores en lingua galega) da que é vicepresidenta.