A escola de verán de Valga achega aos rapaces a educación ambiental

Compartir

A educación ambiental tivo esta semana un peso importante nas actividades da Escola de Verán. O mércores coa visita da mestra composteira do Concello e esta mañá coa realización de xogos e obradoiros do Plan Revitaliza. O obxectivo e implicar aos rapaces na separación de residuos e na reciclaxe como unha vía para que eles transmitan nos seus fogares a importancia destas boas prácticas ambientais.

A mestra composteira, Silvia Torres, abriu o camiño o mércores falándolles aos cativos sobre a reciclaxe de residuos orgánicos, mediante a realización de xogos mediante os que descubriron que biorresiduos deben depositarse no composteiro e cales deben introducirse nos contedores de recollida selectiva.

Hoxe incidiuse na mesma idea coa visita de tres educadores do Centro de Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA), que levaron a cabo varias actividades cos participantes na Escola de Verán no marco do proxecto divulgativo do Plan Revitaliza, no que colaboran o Concello e máis a Deputación.

O grupo do máis pequenos asistiu á posta en escena do contacontos “O xiravai de Ecocol”, no que un caracol lles contou o proceso da compostaxe mediante xogos e historias. Os nenos de 6 a 8 anos participaron no “Xogo da miñoca” –inspirado no tradicional Xogo da Oca–, no que tiveron que respostar preguntas e facer probas sobre a temática da compostaxe. Por último, os máis maiores crearon os seus propios microcomposteiros con botellas reutilizadas. Con eles poderán ir vendo nas súas casas como é proceso de descomposición dos residuos orgánicos ata a súa transformación en compost.