10 agosto, 2021
A igualdade ábrese paso entre as actividades da escola de verán.
A psicóloga do CIM traballou traballou cos nenos temas coma a corresponsabilidade ou os roles de xénero.
Os máis cativos realizaron unha xincana sobre as tarefas do fogar.
A Escola de Verán, que o Concello organiza durante os meses de xullo e agosto para favorecer a conciliación laboral e familiar dos veciños de Valga durante as vacacións escolares, recibiu esta mañá a Belén Gavin, psicóloga do Centro de Información á Muller (CIM), que traballou cos cativos a temática da igualdade.
A través de xogos e outras actividades lúdicas fixo reflexionar aos rapaces, de entre 4 e 14 anos de idade, sobre asuntos coma os roles de xénero ou a corresponsabilidade.
Cos máis pequenos realizou unha divertida xincana con diferentes probas, todas relacionadas coas tarefas do fogar, explicándolles que todos, tanto nenos coma nenas, deben colaborar. Poñer a mesa, doblar a roupa e tendela foron algúns dos labores que tiveron que facer.
Aos mozos máis maiores, Belén Gavin faloulles sobre os estereotipos e roles de xénero e invitounos a repensar, dende unha perspectiva lúdica e deportiva, que é a igualdade.
Esta mesma actividade xa a realizara a psicóloga do CIM no mes de xullo cos nenos que participaron na primeira quenda da Escola de Verán.
Dende comezos de agosto estase a desenvolver a segunda quenda, que conta con 26 inscritos. Durante as mañás, de 9:00 a 14:00 horas, os participantes realizan actividades educativas e de entretemento, saídas e excursións pola contorna e deportes.
Mañá participarán nun obradoiro de compostaxe que será impartido pola mestra composteira do Concello, Silvia Torres.
Alerta