9 septiembre, 2024
A Escola Oficial de Idiomas de Vigo, xunto coa súa extensión en Coia e as seccións en Cangas, Nigrán, Ponteareas, Redondela e Tui, anuncia que segue aberta a matrícula para o curso 2024-2025 ata o venres, 20 de setembro ás 14:00. As clases comezan a partir do día 11 de setembro.
Cunha ampla oferta de 9 linguas —alemán, chinés, español para estranxeiros, francés, galego, inglés, italiano, portugués e xaponés— a EOI de Vigo proporciona diversas opcións formativas tanto para quen desexa obter unha certificación oficial como para quen prefira aprender sen a presión dos exames.
Ademais dos cursos presenciais, que permiten o acceso a exames de certificación, a nosa escola ofrece tamén cursos monográficos, ideais para quen quere perfeccionar os seus coñecementos dunha lingua sen exames. Debido á súa popularidade entre o alumnado, aumentouse a oferta destes con monográficos de alemán, chinés, francés, inglés, italiano e xaponés.
Para aquelas persoas que non poden asistir ás clases presenciais dúas veces a semana, seguimos ampliando a nosa oferta de cursos semipresenciais. Nestes cursos, o alumnado asiste a unha clase presencial de dúas horas cada semana e completa tarefas semanais na nosa aula virtual, así proporcionamos unha maior flexibilidade para conciliar o estudo coa vida persoal ou profesional. Como novidade este ano, incorpórase italiano semipresencial.
Con esta variedade de opcións, a Escola Oficial de Idiomas de Vigo segue a ser un referente no ensino de idiomas e ofrece a oportunidade de aprender novas linguas nun ambiente adaptado ás necesidades de cada estudante.
A escola segue expandindo a súa actividade máis aló da docencia cun coro, grupo de teatro, obradoiros, clubs de lectura e actividades diversas, como a organización dunha Xornada de Formación para Profesorado de Linguas Estranxeiras en colaboración coa Universidade de Vigo que terá lugar o 4 de outubro.
Visita a nosa páxina web para matricularte en liña, achégate ao centro ou contacta connosco no teléfono da Escola Oficial de Idiomas de Vigo.
Contacto:
Teléfono: 986 260 261
Correo electrónico: eoi.vigo@edu.xunta.gal
Web: www.eoidevigo.org
Alerta