9 julio, 2021
O centro dependente da Deputación destaca a presenza de mildio larvado nos predios máis frondosos e recomenda labores culturais de aireación dos acios.
A Estación Fitopatolóxica Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, acaba de lanzar un novo aviso fitosanitario no que aconsella manter a vixianza ante o mildio. Na observación levada a cabo esta semana, observouse que un 40% das viñas tiña mildio larvado, aínda que se trata de focos illados, polo que recomenda renovar os tratamentos e realizar unha vixilancia periódica das viñas. Do mesmo xeito, dende Areeiro recomendan labores culturais de aireación dos acios incluíndo as esfollas.
O persoal da Estación Fitopatolóxica Areeiro advirte que a climatoloxia dos vindeiros días será favorable á aparición de oídio, co que hai que manter un alto nivel de vixilancia e seguir con atención a evolución da enfermidade. No caso do botrite, atopáronse algunhas roturas fisiolóxicas que poden dar entrada a este patóxeno, aínda que non se espera que aumenten polas escasas previsións dun incremento da humidade. Sen embargo Areeiro aconsella que nas variedades máis sensibles a este patóxeno, como Godello ou Treixadura, se aplique un tratamento antes de que o acio peche completamente e estea compacto.
Pola súa banda en canto ao moteado da maceira, debido á elevada humidade dos últimos días, aconséllase aplicar un tratamento, extremando as precaucións nas variedades máis próximas á colleita. Xa no que respecta ao buxo Areeiro prevé que as eirugas, debido á mellora na climatoloxía, comecen a desenvolverse máis rapidamente co que hai que incrementar o nivel de alerta e tratar no caso de observar avances na sintomatoloxía.
Alerta