A estación Fitopatolóxica Areeiro aconsella manter a vixilancia da botrite ata a vendimia

Compartir
Mildio. Fonte: Deputación

O centro dependente da Deputación recomenda aproveitar estes días para limpar os acios máis danados polo mildio, para gañar tempo para a colleita e evitar a posible instalación da botrite

A Estación Fitopatolóxica Areeiro, acaba de lanzar o último aviso fitosanitario previo á vendima, (cuxo inicio está previsto en principio na semana do 6 ao 13 de setembro), no que fai referencia á botrite, o mildio e o oídio das viñas

 

Neste senso, o aviso da EFA sinala que aínda que esta semana apenas se detectou a presenza de botrite, este fungo pode afectar aos acios ata o mesmo momento da colleita, polo que recomenda manter a vixilancia e asegurar unha boa ventilación das plantas se ata a recollida da uva, hai precipitacións ou calquera outra circunstancia que poida beneficiar ao patóxeno.

 

Buraco eiruga Lobesia. Fonte: Deputación

 

Respecto ao mildio, Areeiro destaca que esta semana detectáronse síntomas novos en plantas abandonadas e outras que levaban tempo sen tratar, e aínda que as previsións meteorolóxicas de choivas reducidas previstas para os vindeiros días, non deberían ter consecuencias negativas para a vendima, recomenda aproveitar estas xornadas para limpar os acios máis danados co fin de gañar tempo para a colleita e evitar a posible instalación da botrite. En calquera caso, nos predios con elevada presenza de manchas, a EFA sinala que será conveniente aplicar un tratamento cúprico despois da vendima, en calquera momento antes da caída da folla, para reducir o inóculo para a próxima campaña.

Por outra banda, no que se refire ao oídio, a Estación sinala que non se detectaron esta semana variacións na sintomatoloxía respecto á anterior. Por iso, ao igual que co mildio, recomenda que naqueles predios que presenten máis síntomas será conveniente aplicar unha intervención trala recollida da uva, antes da caída de follas.

No caso da avelaíña do acio, descenderon as capturas de Lobesia botrana e as postas seguen a ser testimoniais, e no dos insectos cicadelidos houbo nalgún predio un incremento das capturas, aínda que sen maiores consecuencias. Areeiro indica a este respecto que moita da sintomatoloxía que se asocia aos cicadelidos non é específica do insecto, senón que pode deberse a causas abióticas, frecuentes nestas alturas de campaña. Tamén advirte a EFA de que amais da presenza de plantas con síntomas de estrés hídrico e de enfermidades da madeira, observouse unha planta cun forte ataque de trips nos gromos terminais.

Por último, o aviso de Areeiro refírese tamén a outros cultivos, como a maceira e o buxo. No primeiro caso, é o momento para instalar as bandas-trampa de cartón nas maceiras para capturar as eirugas da avelaíña da mazá, cando vaian a invernar, e que deben ser eliminadas e destruídas xa en outono-inverno. Respecto á Cydalima perspectalis, a bolboreta do buxo, a EFA recomenda manter a vixilancia das plantas, xa que aínda que a situación máis común está a ser a brotación, pode haber diferentes situacións.