18 diciembre, 2024
Nun sector tan cambiante como o da comunicación, marcado nos últimos anos pola irrupción de ferramentas tecnolóxicas e plataformas dixitais, que formación deben ter as e os futuros profesionais da publicidade e das relacións públicas? Esa é a pregunta que a Facultade de Comunicación traslada este mércores a unha vintena de profesionais, entre os que se atopan responsables de márketing de diferentes empresas, directores de comunicación e de axencias de publicidade e representantes de medios de comunicación. Reunir diferentes perspectivas sobre a realidade actual do sector e a formación que deben adquirir os novos e novas profesionais é o obxectivo central da xornada de innovación docente O futuro dos estudos de Publicidade e Relacións Públicas, inserida nos traballos para a renovación do plan de estudos desta titulación.
Aberta á participación da comunidade universitaria e con preto de 60 inscritos e inscritas, a xornada estruturase en cinco mesas protagonizadas por estudantes, anunciantes, directores de comunicación, axencias e medios de comunicación. Previamente, foi inaugurada pola decana, Emma Torres, xunto co vicerreitor de Titulacións e Innovación Docente, Alfonso Lago, e a vicerreitora do campus de Pontevedra, Eva María Lantarón. “Desde hai tempo estamos intentando reformar o plan de estudos de Publicidade e Relacións Públicas, que foi o primeiro grao en adaptarse ao Plan Boloña”, explicou Torres, que sinalou que, no marco destes traballos, “consideramos fundamental escoitar o sector profesional”. Promovida coa coa colaboración do Clúster da Comunicación de Galicia e das asociacións Markea, Creatividade Galega e DirCom, a xornada conta nese senso coa participación de representantes da Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia, da CRTVG, da Axencia Europea de Control de Pesca ou de empresas como o Grupo Zendal.
Nese proceso de actualización da titulación, Torres destacou que un dos obxectivos da comisión responsable de elaborar o novo plan de estudos é “darlle moito peso á creatividade, como unha vantaxe diferencial do noso alumnado”, tendo en conta ademais que se trata dunha titulación inserida no proxecto de especialización Campus Crea. Outro dos aspectos nos que se quere incidir, engadiu, é en “aproveitar as sinerxías” co Grao en Comunicación Audiovisual, xa que o feito de que a titulación “teña bastantes compoñentes de audiovisual fainos tamén diferentes e moi competitivos”. Neste punto, Torres lembrou tamén que a Universidade traballa na posta en marcha dun PCEO (Programación Conxunta en Estudos Oficiais) en Publicidade e Relacións Públicas e Comunicación Audiovisual para o curso 2026/2027.
“Que o sector estea implicado na elaboración da memoria dun título é unha cuestión moi importante”, engadiu Alfonso Lago, quen lembrou que unha titulación ten que formar graduados e graduadas “que devolvan á sociedade o que inviste neles”. Máis aló dos contidos que se recollen no borrador do novo plan, Lago sinalou “un conxunto de retos” aos que esta titulación deberá facer fronte e que abranguen desde os cambios producidos polas ferramentas tecnolóxicas e os cambios no comportamento do consumidor, á necesidade de ter en conta a cultura e lingua galega, pasando pola importancia que ten neste sector a “ética e a responsabilidade social” e o traballo en equipo. “Os plans de estudos son dinámicos, porque temos que adaptarnos ao mercado laboral”, engadiu Lantarón, que incidiu na necesidade de formar profesionais que respondan “ás necesidades do sector”, á vez que puxo de relevo o papel desta titulación dentro do Campus Crea.
Nese obxectivo de reunir as achegas de diferentes axentes, a xornada arrancou coa visión de tres alumnas da titulación, Sofía Martínez, Noela Sanjurjo e Xulia Vicente, que lembraron que as innovacións no eido dixital están “revolucionado” esta industria. Tras elas, tivo lugar un debate sobre os “retos e necesidades” detectados polos anunciantes, no que participaron a responsable de xestión de medios da Xunta, María Lozano, e os directores de márketing de Rei Zentolo, Isaac González; Grupo Cuevas, Marta Cid; Krack, Sebatián Troyas, e Paco&Lola, Laura Cochón.
Centrada nas relacións públicas, a segunda mesa reuniu a Amalia Baltar, fundadora e expresidenta de DirCom Galicia; Beatriz Díaz, directora de comunicacións e marca global de Zendal Group; Noa Beade, profesional da comunicación corporativa e financeira; Patricia Sánchez, responsable de estratexia da Axencia Europea de Control de Pesca, e Silvia Valdés, exdirectora de comunicación da Xunta. Xa pola tarde, esta actividade continúa cunha mesa dedicada ás axencias e empresas de comunicación, que contará coas intervencións de Javier Herranz, responsable de Siete Olas; Alberto Garmil, director xeral de Recados Carmen e presidente do Clúster da Comunicación de Galicia; Paula Bouzas, CMO de Mardy Bun; Ruth Davila, directora executiva de Publigal, e Vanesa López, directora de Trisquelia. A xornada pecharase cun debate no que participarán José Pereira, director da Área de Innovación e Negocio da CRTVG; Alejandro Espiño, socio fundador de PontevedraViva; Ana Isabel Manteiga, directora comercial de Cadena Ser Galicia, e Paula Cermeño, redactora e xestora de redes de Amovida.gal.
Alerta