Asamblea Fesoce 2019. Fonte: Fesoce
24 septiembre, 2021
A proposta de XOGA, que conta co financiamento da Deputación de Pontevedra, recibiu os parabéns da entidade estatal co gallo do Día Internacional das Linguas de Signos.
Defenden que se trata dunha “lingua propia que forma parte da cultura e idiosincrasia Galegas”.
A Federación Española de Sordocegueira (FESOCE), vén de dar o seu apoio á iniciativa recoñecer oficialmente a Lingua de Signos Galega (LSG). A proposta, impulsada pola Organización de Diversidade Sensorial de Galiza ‘Xoga’ co soporte e financiamento da Deputación de Pontevedra, recibiu publicamente os parabéns da entidade estatal coincidindo co Día Internacional das Linguas de Signos, por considerar que a LSG, “é unha lingua propia que forma parte da cultura e idiosincrasia Galegas”.
A Deputación de Pontevedra e ‘Xoga’ formalizaron neste ano un acordo de colaboración polo que se está a realizar un traballo de investigación para recoñecer a Lingua de Signos Galega (LSG), como forma de comunicación oficial. Dende o Goberno Provincial decidiuse apoiar esta iniciativa, segundo subliña a Deputada de Lingua María Ortega, para defender os dereitos lingüísticos da comunidade con diversidade sensorial de Galiza inxectando 30.000 euros no proxecto, e anunciando o compromiso de manter o apoio ata o final de mandato.
Os traballos da investigación comezaron en xaneiro a cargo dunha equipa formada por unha persoa coordinadora, filólogas, investigadores e intérpretes, “para dar os primeiros pasos e analizar o que está feito, o que queda por facer e con quen se pode contar”. A intención é que a finais de 2021 estea listo o primeiro informe prospectivo. As persoas potencialmente beneficiarias da LSG serán máis de 54.000 en toda Galiza,segundo datos de Política Social, ás que habería que sumar as que non teñen o certificado de discapacidade.
Coa oficialización da Lingua de Signos Galega cumpriranse dous obxectivos primordiais: recuperar a identidade propia galega da comunidade xorda e con diversidade sensorial do país, xa que a lingua permite manter costumes e tradicións, así como suplir a carencia na formación que hai na lingua oral galega para esas persoas.
A presidenta de Xoga, María Jesús Monterde, subliñou na presentación do convenio de colaboración coa Deputación que para o colectivo con diversidade sensorial a oficialización da LSG é un paso “moi importante”. Destacou que as linguas de signos son patrimonio que enriquece a cultura e permite ás persoas con diversidade sensorial, (xordas, xordocegas e con perda auditiva), poder comunicarse, ademais de manifestar o compromiso da organización Xoga para lograr “o que por dereito lle corresponde ao pobo galego que é unha lingua de signos de seu”.
Nestes momentos en España existen só dúas linguas de signos oficiais, a Española e a Catalana. Cando na Galiza unha persoa fala oralmente en Galego sempre é interpretada cara ás persoas con diversidade na lingua española de signos, xa que a pesares de que de facto existe a galega, non está recoñecida.
Alerta