10 agosto, 2021
O vindeiro sábado 14 de agosto, entre as 10 horas e as 14 horas, a Agrupación Apícola de Galicia ten prevista a instalación dun punto de información de Belacolmea na Feira do Mel de Pontevedra, un doce encontro que se celebrará na rúa Serra, enfronte do Mercado de Abastos.
Belacolmea representa a senlleira relación entre peregrinos e apicultura, sendo unha liña de cosmética natural que aglutina os beneficios do Mel de Galicia con Indicación Xeográfica Protexida, así como doutros produtos da colmea como son o propóleo ou a cera.
Este sábado, no punto de información, os camiñantes recibirán como agasallo un Pack Peregrino composto por tres mostras: un bálsamo para pés de nutrición intensa e os bálsamos corporais ApiDor e ApiReparador. Todos eles materializan o poder do Mel de Galicia, herdando del a súa capacidade enerxética e as súas propiedades antisépticas, antioxidantes e rexeneradoras, perfectas para paliar as dores e as molestias que sofren moitos peregrinos tras longas camiñadas.
Nesta ocasión, o punto de información non será tamén de venda. No entanto, nos postos que apicultoras e apicultores pertencentes á Agrupación Apícola de Galicia rexerán na mesma feira, si se poderán atopar e mercar as diferentes cremas e bálsamos que compoñen esta liña de apicosmética.
A TERCEIRA DE SEIS PARADAS AO LONGO DO CAMIÑO DE SANTIAGO
A Agrupación Apícola de Galicia xa estivo presente en Lalín e O Porriño durante o mes de xuño, e prevé a colocación de tres puntos de información máis ao longo do mes de setembro. Todas estas localizacións comparten o feito de ser zonas de tránsito ou chegada dos camiñantes que estean a realizar algunhas das rutas xacobeas. Concretamente:
Sábado 4 de setembro: Ribadiso (Arzúa)
Sábado 18 de setembro: Dumbría
Sábado 25 de setembro: O Cebreiro
En cada un destes puntos, a agrupación conta coa colaboración dos consellos reguladores da IXP Mel de Galicia, DOP Queixo Tetilla, DOP Arzúa-Ulloa, DOP San Simón da Costa, DOP Cebreiro, IXP Pan de Cea, IXP Pataca de Galicia e IXP Tarta de Santiago.
Finalmente, cabe lembrar que Belacolmea constitúe un dos proxectos incluídos no programa O Teu Xacobeo da Xunta de Galicia, orientado á promoción e dinamización do Xacobeo 2021.
Alerta