A festa do Correlingua anima a ‘Inmunizarse co galego’ a todas 
as crianzas dos centros pontevedreses

Compartir
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, na festa do Correlingua. Fonte: Concello

O alcalde da Boa Vila lembroulles aos cativos e cativas que non deben ter vergoña da súa lingua, que a usen en todo momento e desde xa mesmo. A festa, que contou coa actuación de Pauliña foi retransmitida en directo por streaming para todos os colexios da comarca.

 

Esta mañá de xoves, 21 de outubro, a festa do Correlingua tomou a Alameda do Pontevedra, ao redor do palco de música. Até alí chegaron preto de 200 estudantes de primaria, co alumnado de 4º, 5º e 6º do CEIP Froebel, e tamén un grupo de alumnos e alumnas do CEIP Barcelos.

Isabel Risco, micro en man, animou a todos os presentes a usar a lingua, reivindicala e botala fóra da boca se é necesario cando tenten avergoñarnos por usala. Cun ton divertido e moi retranqueiro, a actriz logrou conectar á perfección coa rapazada presente, que non cansou de aplaudir a súa intervención, que tamén incluíu a lectura do manifesto do Correlingua, ideado polo IES Muralla Romana de Lugo.

O Concello contou coa representación do concelleiro de Normalización, Alberto Oubiña, e do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, que tamén tivo a oportunidade de falarlles aos cativos e cativas alí reunidos. Na súa intervención, o alcalde tentou naturalizar o uso da lingua, lembrándolles a todos os presentes que el falou galego «desde ben noviño» e que nunca deixara de usar a lingua, mesmo cando viaxa por todo o mundo representando a cidade.

Lores fixo fincapé na historia do galego, na súa beleza e na capacidade de seu que ten para describir o noso, sexa con palabras que só posúe o galego para sinalar animais ou obxectos, ou mesmo as formas galegas dos apelidos e os nomes.

O evento continuou coa actuación en directo da agrupación gañadora do Cantalingua Pauliña e a súa banda que, ao igual co resto de intervencións, foi retransmitida en streaming a través da canle de YouTube do Correlingua, para así ser seguido desde todas as aulas da comarca pontevedresa.