A Guarda reforma a área deportiva de Codesal co apoio da deputación.

Compartir

A Guarda reforza a súa oferta lúdica de deportes de praia e petanca reformando a área deportiva de Codesal co apoio da deputación.

O deputado Santos Héctor visitou as actuacións, que tiveron un orzamento próximo aos 50.000 euros e foron financiadas polo Plan Concellos.

Transformar unha instalación deportiva infrautilizada e dedicada anteriormente ao fútbol nun complexo lúdico vinculado aos deportes de verán e á integración social foi o obxecto das obras acometidas polo Concello da Guarda co apoio da Deputación. O antigo campo do Codesal, na parroquia de Camposancos, é agora un complexo dedicado á práctica do volei-praia, balonmán-praia e fútbol praia, que inclúe, ademais, 16 canchas específicas para o xogo da petanca.

 

As obras, que foron visitadas hoxe polo deputado provincial de Cooperación, Santos Héctor, e o alcalde, Antonio Lomba, foron financiadas polo Plan Concellos 2020 da Deputación de Potnevedra cun orzamento total de execución de 48.319 euros. Durante a visita, na que participaron tamén a concelleira Montse Magallanes e o concelleiro Miguel Español destacouse por parte do deputado de Cooperación o acerto desta recuperación, aproveitando a proximidade da praia e apostando por unha oferta singular tanto para residentes como para  turistas. Lomba explicou que a recuperación deste espazo comezou coa retirada do valado de bloques que perimetraba a instalación e a súa apertura dentro dunha contorna privilexiada.

Durante a visita comprobouse a renovación total efectuada no pequeno edificio de vestiarios, que antes atopábase nun estado de semiabandono. Tamén creouse un espazo de atención ao público, así como unha sala para oficinas, almacén e un “office”, así como baños públicos adaptados, zonas de masaxes e aseos, lavabos e duchas. Ademais dotouse de novo alumeado exterior ás pistas de petanca, que contan cun elevado uso e que esta fin de semana acollerán un campionato.