19 noviembre, 2021
As peañas instaladas pola Concellería de Desenvolvemento Sostible en colaboración coa firma Xoia funcionan mediante unha app que permite activar unha maqueta en 3D, interactiva e a escala.
A aplicación permite viaxar a través da voz do propio Alejandro Sesmero, polas distintas etapas do parque e a súa historia previa, coas murallas e o convento de Santo Domingo.
Os veciños e visitantes que desde hoxe se acheguen ata as cabeceiras da Alameda de Pontevedra terán a oportunidade de viaxar pola evolución histórica do parque proxectado polo arquitecto Alejandro Sesmero a través do seu teléfono móbil ou tablet grazas a unhas modernas plataformas de realidade aumentada instaladas pola Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural. Mediante unha aplicación compatible cos sistemas iOS e Android (Time Trip Pontevedra Alameda), deseñada pola firma galega Xoia Software Development SL (que ten ADN pontevedrés na súa materia gris), convídase á cidadanía a somerxerse nesta ventá ao pasado e coñecer, ver e interactuar coa historia dun dos espazos verdes máis senlleiros e importantes da cidade.
Así pois, calquera pontevedrés ou turista que se achegue ata as peañas interpretativas poderá, enfocando os respectivos códigos QR cos seus dispositivos móbiles (que redirixen ao enalce https://xoia.es/url/ttalameda), activar unha maqueta en 3D, interactiva e a escala, na que aparecerán as distintas etapas do parque e mesmo a súa historia previa, coas murallas e o convento de Santo Domingo aínda presente, mentres o propio Sesmero, de viva voz, os mergullará nos momentos clave da mesma desde mediados do século XVIII. Unha experiencia que será ademais accesible para turistas estranxeiros, ao estar dispoñible en tres idiomas, e para persoas con diversidade sensorial, ao contar tamén con subtítulos.
As plataformas de realidade virtual foron inauguradas esta mañá nun acto no que participaron o concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes; a concelleira de Turismo, Yoya Blanco; o edil de Benestar Social, Marcos Rey, e o CEO de Xoia Software Development, Xoel Vázquez, que estivo acompañado por outros membros da empresa. Segundo sinalou Puentes, a instalación destas peañas interpretativas “supón un paso máis neses traballos que vimos desenvolvendo ao longo do mandato para recuperar o esplendor e maxestuosidade deste espazo verde central de Pontevedra, que incluíron a radiografía do estado de saúde de tódalas árbores, incorporando agora as tecnoloxías da información e a comunicación e a realidade virtual”.
“Na peaña que está máis próxima á Praza de España pódese ver esa evolución que tivo a Alameda e o seu contorno desde que Alejandro Sesmero deseñou este espazo ata a actualidade, tanto desde o punto de vista arquitectónico como desde o punto de vista social; mentres que na peaña máis próxima a Raíña Vitoria se poden contemplar as vistas que tiña esta balconada final da Alameda sobre a ría de Pontevedra, antes de ter os edificios que agora tapan practicamente toda a vista, a ponte da autoestrada e o complexo de Ence… Deste xeito, permítenos cobrar consciencia da importancia que este espazo tiña tamén desde o punto de vista visual”, explicou o edil do PSOE.
Alerta