20 septiembre, 2021
Culturactiva presenta o venres ás 18.30 horas unha obra para público infantil que mostrará que a poeta Galega “tamén foi unha nena que cantaba e xogaba”.
María Rosalía Rita, ou Rosalía de Castro, tamén foi nena. As biografías non o contan, pero a poeta Galega tamén foi unha cativa que cantaba, que lía, que comía chocolate, e que tamén xogaba. Esta é a premisa da obra “Rosalía”, que Culturactiva presentará o vindeiro venres ás 18.30 na sala multiusos do Auditorio Municipal de Ponteareas. “Temos no noso Concello unha grande oportunidade de coñecer a infancia da voz máis emblemática da nosa historia”, afirma o Concelleiro de Lingua, Fernando Groba, á vez que convida a veciñanza a asistir a un espectáculo de balde. As entradas poden reservarse en lingua@ponteareas.gal.
Esta Rosalía que aínda non precisaba apelidarse de Castro é a protagonista desta obra de teatro, e será ela mesma a que lle conte aos nenos e nenas que a infancia é o lugar onde medran as poetas: entre a rebeldía, as lecturas, a curiosidade, o xogo e as cancións con rimas e sen autor.
“Rosalía” é unha obra pensada para nenos e nenas de idade primaria, pero tamén para as súas familias. É froito do traballo dunha equipa de mulleres cunha grande experiencia no teatro de palabras para espectadoras e espectadores, que viven no país da infancia. Dirixe a peza actriz e directora Fina Calleja, ligada á premiada compañía Sarabela e responsábel de moitas das súas montaxes infantís e xuvenís. Dúas actrices forman o reparto, Rocío González e Cristina Collazo, as dúas imprescindíbeis nos últimos anos nos escenarios máis variados e nas pantallas da televisión e do cine de Galicia.
Alerta