4 octubre, 2021
A competición, que incorpora ás escadras do CP Areales, SCD Marcón e CP O Burgo, desenvolverase até o 4 de xuño, con equipos conformados por un máximo de 12 xogadores/as.
Tino Fernández salienta que “a Liga de Petanca pasou de 9 a 14 clubs en tan só tres anos, o que pon de manifesto a paixón que desperta este deporte na cidade e o seu incesante crecemento”.
A elite da petanca Pontevedresa prepárase para regresar á competición co inicio da Liga Concello de Pontevedra 2021-2022, que se porá en marcha o vindeiro sábado 9 de outubro coa participación de 14 equipos, dous máis dos que se inscribiron na edición anterior. O evento, que incorpora ás escadras do CP Areales, SCD Marcón e CP O Burgo, (a de Santa María causou baixa ao fusionarse con O Pote), desenvolverase na rede municipal de 17 pistas de petanca até o 4 de xuño, con equipos conformados por un máximo de 12 xogadores/as.
Ademais dos novos clubs citados, tomarán parte nesta emocionante competición, (cun formato de puntuación idéntico ao do fútbol, con tres puntos por vitoria global e un por empate,) O Mirador de Monte Porreiro, Amigos de Campolongo, Santo André de Xeve, Centro Social Pontevedra, O Pote e O Carballo de Mourente, O Salgueiral de Bora, Verducido, Salcedo Norte, San Martiño de Salcedo e Petanca Marín. A Liga de Petanca foi presentada esta mañá na Sala de Prensa do Teatro Principal nun acto no que participaron o tenente de alcalde e Concelleiro de Deportes, Tino Fernández; o presidente da Asociación de Petanqueiros de Pontevedra, José Gallego; o seu secretario, Ángel Mario Lago, e os seus delegados José Manuel Dopazo e Bernardo Dios.
Tino Fernández salientou o feito de que a Liga pasara “de 9 a 14 equipos en tan só tres anos, o que pon de manifesto a paixón que desperta este deporte no noso Concello e noutros limítrofes e o seu exponencial e imparable crecemento en xogadores e afección”. “Un desenvolvemento que vai en paralelo ao constante incremento da rede de parques dotados de parques de xogo en barrios e parroquias por parte do Concello e que se traducirá na creación de nove novas pistas de petanca entre finais deste ano e principios de 2022, pasándose das 17 actuais a 26, o que agardamos que se reflicta tamén na aparición de novos equipos”.
O Tenente de Alcalde destacou o labor da Asociación de Petanqueiros no impulso dun deporte “con futuro, que non ten idade para practicarse, (a Federación só prohibe practicalo a partir dos 105 anos), que permite socializar e facer exercicio físico ao aire libre e que ademais fomenta a educación en valores, xa que tódolos xogadores e técnicos deben vixiar que prevaleza o xogo limpo durante toda a competición”. “Isto conleva algo máis que cumprir as normas do xogo, explicou o edil do PSOE, considerando esenciais os conceptos de amizade e respecto ao adversario, e tamén a ética deportiva. O emprego de palabras, frases, xestos, accións ou actitudes en contra doutros xogadores, o árbitro, técnicos ou público, que resulten intolerantes, racistas ou xenófobos, conlevarán a amonestación do árbitro e a reiteración da infracción poderá traducirse na expulsión do partido en xogo e de posteriores partidos, segundo a gravidade da mesma”.
Alerta