A natureza mosense, obxecto de coidado e disfrute, a través do novo programa CoidaMos
Foto. Presentación CoidaMos
diariodevigo
6 marzo, 2024
Inclúe iniciativas como AndaMos, ConectaMos coa Natureza, Libera Basuraleza e a App Liña Verde
Tamén conta con redes sociais propias, tanto Facebook como Instagram, a través das que se fará a difusión e divulgación de todas as iniciativas enmarcadas no programa, e servirán para que a veciñanza poida denunciar posibles incidencias, verquidos indebidos e
desperfectos
O novidoso programa CoidaMos da concellería mosense de Medio Ambiente que dirixe a edil Laura Méndez, implementa o seu plan de iniciativas con novas liñas de actuación que vén de presentar.
Trátase dos programas AndaMos, ConectaMos coa Natureza, Libera Basuraleza e a App Liña Verde que foron presentados pola alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e pola concelleira Méndez Senlle.
As representantes municipais anunciaron tamén a creación de redes sociais propias para o CoidaMos, tanto Facebook como Instagram, a través das que se fará a difusión e divulgación de todas estas novas iniciativas enmarcadas no programa, “e que servirán tamén para que a veciñanza poida denunciar posibles verquidos, desperfectos, etc.”, informaron. Tratarase da fiestra ou a canle mediante a que o CoidaMos promova o coidado e a protección do medio ambiente.
Estas redes sociais complementaranse coa App Móbil promovida e financiada pola Deputación de Pontevedra a través de Fondos Europeos, Liña Verde, que permitirá á cidadanía comunicar en tempo real verquidos irregulares e incidencias medioambientais de todo tipo.
A primeira destas novas iniciativas promovidas dende o programa CoidaMos farase en colaboración coa concellería de Educación e consistirá en camiñatas para o alumnado dos colexios de Mos polo sendeiro do río Louro con motivo do Día Mundial da Auga (22 de marzo), que se levarán a cabo os días 13, 14 e 15 do presente mes de marzo.
Tamén en marzo, concretamente o día 24, realizarase a actividade Libera Basuraleza no Rejo das Laxes en Cela. Esta iniciativa consiste na organización de andainas grupais polos ríos e regatos do municipio durante as que se recolle lixo e desperdicios depositados nas marxes e no cauce dos mesmos. Durará unha hora e sairá ás 09.30 horas da mañá.
En abril comezará o plan AndaMos de andainas medioambientais de dificultade moderada e asequibles a toda a poboación de diversas idades e condicións físicas, e nas que os camiñantes poden participar acompañados polas súas mascotas.
En maio farase unha saída á montaña de 3 días, concretamente aos montes do Caurel. E en xullo, e ata o mes de outubro, retomaranse as andainas medioambientais de periodicidade mensual do AndaMos.
Dentro do plan ConectaMos coa Natureza haberá diferentes iniciativas, entre elas estará a denominada Camiñar Consciente que incluirá, entre outras actividades, unha saída nocturna en agosto ao Galleiro para contemplar as estrelas, as chamadas lágrimas de San Lorenzo en concreto.
Por último a concelleira de Medio Ambiente informou de que desde o departamento municipal que dirixe tamén se está a traballar nun programa de actividades conmemorativas do Día Mundial da Árbore (21 de marzo) que se celebra próximamente.