A nova grada de Marcador contará con 6.418 butacas

Compartir

O Concello prevé completar o derrubo de Marcador nun máximo de dous meses.

Abel Caballero avanzou que en seis ou oito semanas concluirán os traballos de demolición da bancada, que comezaron este mesmo luns, previos á construción do novo Marcador. O alcalde e a presidenta da Deputación, Carmela Silva visitaron as obras de Balaídos, ás que ambas institucións adican 15,5 millóns de euros.

Os operarios da empresa adxudicataria demolen desde este luns as bancadas e a cuberta de Marcador, no estadio municipal de Balaídos, unha fase da obra de construción do novo fondo do estadio que se alongará “entre mes e medio e dous meses, aproximadamente”, segundo informou Abel Caballero despois dunha visita ao coliseo vigués.

En total se derrubarán 10.000 toneladas de formigón, explicou Caballero, incluíndo as 22 unidades góndola que conforman a cuberta, do mesmo material. A demolición e posterior construción do novo Marcador será compatible co desenvolvemento da competición, que o Real Club Celta de Vigo inicia esta mesma fin de semana en Balaídos.

En rolda de prensa posterior, o alcalde afirmou que se completou o traslado dos sistemas e da infraestrutura técnica que emprega a Liga para o control do estadio e tamén dos efectivos de Bombeiros. No espazo que ata o de agora ocupaba o servizo de extinción se dará cabida a dependencias técnicas da Liga e tamén a dous dos oito ascensores que se disporán co novo Marcador, e que serán utilizables para todo o recinto deportivo.

Unha vez completada a obra, se salvará a “inmensa distancia” existente entre o aficionado e o terreo de xogo: “Agora estará trinta metros máis cerca do campo”. Caballero tamén puxo en valor o investimento de Concello e Deputación na obra, 15,5 millóns de euros que se engaden ao destinado polos gobernos provincial e vigués para as bancadas de Río e de Tribuna, que elevan o monto aos 27,5 millóns de euros ata o momento.

Marcador

A nova grada de Marcador contará con 6.418 butacas: 2.791 en Marcador Alto e 3.977 en Marcador Baixo. En canto á iluminación, demolidas as torres, se redistribuirán os 60 focos existentes nas zonas novas dispoñibles.

No relativo ás actuacións que se realizarán unha vez completado o derrubo, adaptaranse os espazos interiores destinados a circulación, aseos, usos propios do estadio, das instalacións e da zona comercial.

No subsolo, executarase un semisoto a 5 metros; nos accesos a través da zona porticada inclúense escaleiras e oito ascensores e acometeranse actuacións nas plantas baixa, primeira, segunda, terceira e cuarta. O prazo de execución da obra, que arrancou a finais de marzo, é de 18 meses