7 noviembre, 2021
“O charco de Ulises” represéntase o venres 26 de novembro no Auditorio Municipal ás 20.00 horas. Entradas a 5 euros.
O Centro Dramático Galego produce “O Charco de Ulises”, a obra de teatro que se representa o venres 26 de novembro ás 20.00 horas no Auditorio Municipal de Vilagarcía.
O texto de Santiago Cortegoso inspírase no clásico de Homero “A Odisea” para falar da emigración, un fenómeno de sobra coñecido polo pobo galego. As entradas para este espectáculo, que xa están á venta a través de ataquilla.com e do teléfono 902 504 500, pódense adquirir ao prezo de 5 euros, (máis custes de xestión na venta anticipada). De non esgotarse antes, tamén se poderán comprar o día da función, a partir das 18.00 horas na billeteira do Auditorio sen custes engadidos.
Nesta versión libre da Odisea, o autor, que tamén dirixe o espectáculo xunto con María Bañobre, traspasa a historia de Ulises a un contexto trasatlántico: Do mar ao océano. De Ítaca a Galicia. De Troia a Buenos Aires. Do Mediterráneo ao Atlántico.
A trama discorre en paralelo ao clásico de Homero, xerando un diálogo co mito orixinal, para tratar o fenómeno da emigración galega cun marcado compoñente poético. Ulises está considerado, na cultura occidental, o primeiro emigrante; o primeiro ser humano que experimentou a nostalxia pola súa terra. En Galicia temos dúas palabras máis para chamarlle a isto: saudade e morriña. Un sentimento complexo, consecuencia dun fenómeno complexo.
Sipnosis:
Ulises permanece errante durante dez anos viaxando de illa en illa, vivindo aventuras inesquecibles, entre suculentos banquetes e fermosas mulleres. A idea do regreso á patria non o abandona nunca, pero a súa vida non había transcender se non saíra dela.
A peza transcorre en paralelo co desenvolvemento argumental da obra de Homero: a viaxe de Telémaco na procura de seu pai, (visitando a Néstor, a Menelao e Helena…), e a de Ulises polas diferentes illas nas que se atopa con personaxes fantásticos, (Calipso, Circe, Nausícaa, Polifemo, o canto das sereas…). O texto vaise pegando e separando do mito orixinal, xerando un diálogo co clásico para xogar con el, para traizoalo en moitas ocasións e, sobre todo, para tratar o fenómeno da emigración galega cun marcado compoñente poético. E tamén para darlle unha nova dimensión ás personaxes femininas que aparecen na “Odisea”.
“O charco de Ulises” trata da viaxe como concepto vital da existencia do ser humano no tempo, trata dos movementos migratorios, do multiculturalismo, da necesidade, ou non, de traspasar calquera fronteira. Fai unha relectura do clásico universal de Homero contextualizándoo nun fenómeno sociolóxico, que marcou a historia do pobo galego.
Moitos emigrantes galegos deixaron mulleres e fillos aquí e fundaron outras familias en América. Gozaron da liberdade da que carecían nas pequenas aldeas das que marchaban. Foi un sufrimento comezar unha nova vida ou unha oportunidade para atopar a felicidade nun país social e economicamente avanzado?.
Fran Paredes representa a Ulises nun elenco de actores que completan Ines Salvado, Óscar Allo, Miguel Borines, Mónica Camaño, Rosalía Castro, Raquel Espada, Manuel Millán, Chusa Pérez de Vallejo, e Paulo Serantes.
Alerta