Zaida Muxi. Fonte: Deputación
26 octubre, 2021
A Deputación reúne no Edificio Castelao do Museo de maneira presencial ás catro relatoras que formarán sobre o espazo público ás máis de 200 representantes políticas e técnicas da provincia.
“As cidades teñen xénero e é masculino”. Esa é unha das frases máis coñecidas e tamén polémicas da arquitecta e urbanista Zaida Muxí, unha das profesoras do seminario da Facultade Ágora que se celebrará este xoves baixo o título ‘Inclusión social’. Na xornada, que se celebrará con todas as persoas relatoras de maneira presencial no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra, participarán tamén o xeógrafo Màrius Navazo e os representantes de COGAMI Anxo Queiruga e Paulo Fontán, abordando a teoría e a práctica de como construír espazos accesibles e integradores.
O seminario deste xoves forma parte do grupo de charlas que aborda ‘A Economía Sustentable’ na Facultade Ágora e pretende achegar ás máis de 200 persoas representantes políticas e técnicas dos concellos da provincia un enfoque diferente sobre como abordar o espazo público para as persoas.
Zaida Muxí actualmente é profesora na Facultade de Arquitectura de Barcelona e codirectora Máster Laboratorio da Vivenda do Século XXI da Universidade Politécnica de Cataluña. Colabora no suplemento Culturas da Vangarda e é coñecida pola súa experiencia en cuestións de espazo e xénero. Este xoves en Pontevedra, a técnica defenderá que o espazo público “é un desafío e unha oportunidade para a xustiza urbana”, que debe reivindicarse tendo en conta a máxima calidade para o espazo público da cotidianidade, pero tamén o acceso público aos espazos de centralidade para todos.
Màrius Navazo é xeógrafo, membro da consultora Gea 21, e a súa actividade profesional desenvolveuse ao redor da ordenación do territorio e a planificación urbana. Traballou tanto desde o ámbito privado como desde a administración da Generalitat de Catalunya, onde participou en distintos plans sectoriais, plans territoriais e plans de mobilidade. Imparte clases de másteres e posgraos en diferentes universidades
Anxo Queiruga é Presidente da Confederación Española de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica ( COCEMFE), Presidente da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI), Presidente de Galega de Economía Social (GES) e Vicepresidente do Comité de Entidades Representantes de Persoas con Discapacidade ( CERMI Estatal). Destaca pola súa especializada formación no ámbito da inclusión das persoas con discapacidade.
Paulo Fontán é diplomado en xestión e administración pública e membro da directiva de COGAMI e presidente da asociación AMIZADE de Pontevedra. É tamén ou coordinador da comisión de accesibilidade do CERMI Galicia. Ten asesorado ao Concello de Pontevedra en aspectos relacionados coa accesibilidade universal e as políticas públicas encamiñadas a garantir a igualdade de dereitos de todas as persoas.