A Pinga Pinga. Fonte: Concello
22 octubre, 2021
O concelleiro de Deportes e a de Turismo, Antonio Traba e Cristina Acuña, presentaron xunto co CD Pinarium este evento, que homenaxeará á deportista Susana Rodríguez.
A Carreira Pinga Pinga volverá despois dun ano de parón pola pandemia. O concelleiro de Deportes, Antonio Traba, e o presidente do Club Pinarium, Diego González, acompañados doutros membros da directiva do club e de Jose Francisco Gil Dopazo, presentaron esta mañá o evento, que se celebrará mañá, sábado.
A carreira absoluta será de saídas de 10 en 10, de 15 segundos, e contará coa participación de cerca de 220 corredores. No caso das categorías sub 16 en diante, tomouse a decisión de poñer como máximo 40 inscritos en cada unha, para evitar aglomeracións de xente do público pola enorme capacidade de convocatoria que teñen os rapaces e as rapazas.
Tal e como explicou González, o nivel deste ano na categoría absoluta é o maior de todas as edicións, dado que participarán corredores como Alejandro Fernández, que se atopa entre o top5 de España, ou o portugués Nuno Costa, que tratará de revalidar o título acadado hai tres anos. Por outra banda, as favoritas na categoría feminina son a venezolana Edymar Brea e Leticia Fernández.
No que respecta á homenaxe, este ano recaerá sobre a atleta olímpica Susana Rodríguez, “un emblema da inclusión que queremos promover desde o club”.
Por outra banda, a andaina asociada á competición, que xa se leva facendo cinco anos, está consolidada e nesta ocasión, que se divide nun trmao de 5 km e noutro de 8 km, ten 230 inscritos. O percorrido será pola beira do Río Loira e tal e como explicou Gil, “axudará a achegar á xente a lugares da nosa contorna”. O horario de saída será ás 16.00, polo que desde a organización piden aos participantes que acudan en torno ás 15.30.
O concelleiro de Deportes incidiu na boa participación que este ano rexistra a Pinga Pinga e destacou “a colaboración que sempre se presta desde o Concello para que o clubs da vila poidan realizar actividades coma esta, que pouco a pouco se converten en datas clave no deporte galego”.
O Pinarium agradeceu a colaboración do Concello, da Deputación e de todos os patrocinadores para facer realidade a Pinga Pinga.