A Plataforma ‘A Auga é Vida’ recupera a memoria histórica das traídas veciñais de augas

Compartir

Os anos setenta do século XX marcaron un punto de inflexión na historia recente de Mos. Eran tempos de mudanzas políticas e sociais, nos que o movemento veciñal rexurdía ao tempo que agonizaba a ditadura e a xente empezou a organizarse para mellorar as súas condicións de vida nun momento en que aínda había moitas carencias. Unha das máis importantes, o subministro de auga potable, que dependía ata entón de pozos ou mananciais particulares sen ningún tipo de garantía sanitaria. A administración non ofrecía solucións e as familias fóronse organizando pola súa conta, por barrios, para construír captacións e depósitos no monte, despregar unha rede de abastecemento que chegara a todas as casas e crear un novo sistema de autoxestión para administrar o servizo de maneira eficaz.

As persoas que participaron na construción das traídas de augas desenvolveron un traballo en ocasións heroico, xogándose a vida cavando a man unhas trincheiras que podían derrubarse en calquera momento, e a través do proxecto ‘A nosa auga, a nosa historia’ a Plataforma ‘A Auga é Vida’ quere poñer en valor a relevancia deste movemento histórico. Nas últimas semanas organizáronse varios encontros de fundadores e membros das directivas das comunidades de usuarios onde se compilaron lembranzas e anécdotas de máis de catro décadas de xestión veciñal do abastecemento. Algunhas historias relativas á procura dos mananciais, a adquisición dos terreos ou a organización de cuadrillas para a realización dos traballos xa foron difundidas en vídeos publicados nas redes sociais e todo ese material servirá para elaborar un documental que será presentado no outono.

En todas as entrevistas realizadas ata o momento, queda de manifesto o sentimento de orgullo das persoas que participaron nese proceso, así como a convicción de que a autoxestión veciñal da auga é un sistema de abastecemento con moito futuro por diante. Fundadores e usuarios das traídas de Monte Baxiña, Tameiga-Casal e Petelos ofreceron xa o seu testemuño e reivindicaron as vantaxes de contar cun subministro de calidade, económico, con plenas garantías sanitarias e sustentable dende o punto de vista ambiental. Tal como expresou recentemente Augas de Galicia, a experiencia demostra que as traídas comunitarias son a solución máis eficaz para o abastecemento en áreas de poboación dispersa e fronte a certos discursos que non últimos tempos puxeron en cuestión a capacidade de xestión das comunidades de usuarios, a Plataforma ‘A Auga é vida’ quere reivindicar o traballo desenvolvido por varias xeracións de mosenses para levar a auga a todos os fogares.