A policia detivo a unha muller por substraer un bolso dun despacho privado dunha clínica

Compartir
Policia. Fonte: policia.es

A presunta autora dos feitos foi interceptada na rúa pola vítima e testemuñas, producíndose un altercado no que interviron os axentes.

Recuperouse o bolso con numerosas pertenzas do seu interior, excepto a suma de 900 euros que a vítima declarou ter gardados no seu interior.

Xa nas dependencias da Policía Nacional, a detida por “delito grave de furto” protagonizou outro incidente ao presentar unha “forte resistencia activa” a ser cacheada e cuspir aos axentes.

 

A Policía Local de Vilagarcía detivo onte a mediodía a M.A.V.F, unha muller de 38 anos de idade e natural de Vigo, acusada dun “delito grave de furto” pola suposta subtración dun bolso que se atopaba no interior dun despacho privado dunha clínica médica situada na Avenida Agustín Romero. A muller foi interceptada nun primeiro momento pola dona do bolso a uns 150 metros, dando pé a un altercado na rúa que rematou coa intervención da patrulla local e a detención da acusada que, máis tarde, xa nas dependencias da Policía Nacional, volveu a protagonizar outro incidente ao resistirse a ser cacheada e ao cuspir aos axentes, segundo consta no parte de denuncia.

A detención produciuse ás 13.20 horas na intersección da rúa López Cuevillas con Doutor Tourón, onde se estaba a producir un altercado entre varias persoas. Unha das mulleres implicadas explicou que acaba de recuperar o seu bolso á outra que, segundo aseguraba, llo subtraera do interior dun despacho privado do consultorio médico. No mesmo lugar, a Policía fíxose co bolso e coas pertenzas que contiña (unha carteira con documentación a nome da vítima e varias tarxetas bancarias, varias chaves e mandos a distancia, un décimo de lotería de Nadal, un selo e un estoxo no que se gardaban bolígrafos, cremas e pastillas e un cargador de móbil. O que non se recuperaron foron os 900 euros que a vítima aseguraba ter gardados tamén no bolso.

Dada a presenza de varias testemuñas, unha das cales asegurou que M.A.V.F. era “sen ningún xénero de dúbida” a persoa que viu saír do despacho da clínica levando o bolso, a Policía Local procedeu á súa detención. Seguindo o procedemento habitual, os axentes municipais levaron á detida ás dependencias da Policía Nacional, onde a muller protagonizou un novo incidente cando ía a ser cacheada por unha das axentes femininas do corpo, cuspindo aos funcionarios policiais e “ofrecendo unha forte resistencia activa” que obrigou a reducila.

A detida quedou a custodia do Corpo Nacional de Policía en espera de pasar a disposición xudicial.