16 julio, 2021
A Asociación Área Empresarial do Tambre (AAET) acollerá desde o luns, 19 de xullo, unha exposición de fotografía e poesía da artista María José Sánchez Martínez, coñecida como MJ. Bolboreta. A mostra “PISCIS-As augas da vida” estará aberta ao público ata o 27 de agosto na sala de exposicións do Centro Empresarial do Tambre de Santiago de Compostela, en horario de luns a venres de 9:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 19:30 horas. A Asociación Área Empresarial do Tambre recomenda ás persoas interesadas en visitar a mostra reservar a súa hora de visita para respectar o cumprimento das medidas sanitarias de seguridade e distancia social para a covid-19 (aepit@poligonotambre.com; 981 55 28 50).
Esta exposición é unha combinación de 38 fotografías e 20 poemas, onde a propia fotografía inspirou á artista a escribir os versos, plasmando as súas emocións para captar a esencia da fotografía máis alá da imaxe en si mesma. MJ. Bolboreta destaca que esta exposición amosa temas que fan referencia ao tanxible, cunha visión nítida, tenra pero realista, e por outro lado, xoga co intanxible, é dicir, o nebuloso, o abstracto e a non definición das formas. “Sinxelamente desexo con esta exposición mostrar o mellor de min, creando un espazo de serenidade e harmonía para aqueles que desexen visitala” –sinala.
A mostra está enfocada á auga da chuvia, dos ríos e do mar “como fonte de vida”. A artista presenta un percorrido ao redor da simboloxía de Piscis e o elemento da auga. “A auga evócame relaxación, fluidez, transparencia, fortaleza, movemento e vida e Piscis é o meu signo do zodíaco, polo que conflúen os dous conceptos no título da exposición” –confesa MJ. Bolboreta–. Tamén é unha viaxe polas imaxes interiores que evocan en cada un dos observadores un universo persoal de sensacións. MJ. Bolboreta plasma, cun sinal xenuíno, un despregamento dos seus temas máis queridos, por medio do realismo e a abstracción nas formas.
Da delineación á fotografía, pasando por Mallorca
Nacida en Pontevedra en febreiro de 1966, María José Sánchez Martínez estudou delineación, traballo que exerceu en Mallorca onde residiu durante 20 anos. Foi precisamente nesta illa onde comezou a mergullarse no mundo da fotografía e en 2019, xa de volta en Pontevedra, decide emprender o seu proxecto fotográfico, chamado MJ. Bolboreta, dedicado á fotografía de interiorismo, retrato e arte. Expón desde mediados de 2018 en diferentes espazos da provincia de Pontevedra e en Madrid. Forma parte do grupo Galeoska (Galegos Koa Arte).
Alerta