12 julio, 2021
A presidenta participou en Sanxenxo na presentación do informe das conclusións da monitorización de indicadores de turismo sostible elaborado por Segittur
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, defendeu hoxe o estudo e o rigor dos datos a través das novas tecnoloxías e a necesidade do traballo “conxunto” e sinerxías entre as administracións públicas e o sector privado para acadar un turismo sostible e intelixente. Foi unha das conclusións da presidenta provincial tralo acto de presentación en Sanxenxo dos resultados do informe da monitorización dos indicadores de turismo sostible levada a cabo neste concello, un proxecto abordado desde SEGITTUR (Sociedade Mercantil Estatal para a Xestión da Innovación e das Tecnoloxías Turísticas), dependente do Ministerio de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital, que se enmarca na Rede de Destinos Turísticos Intelixentes.
Carmela Silva falou de que as administracións públicas “xa non poden actuar con intuición”, senón que son necesarios datos como os extraídos do citado informe “para ter un coñecemento profundo do que acontece, a través do big data e a intelixencia artificial, que nos permitan tomar decisións”. Sinalou tamén que é imprescindible que estas “medicións intelixentes” a través dos perfís das persoas visitantes e os datos desagregados do conxunto do ano permitan ofrecer servizos e produtos tendo en conta á poboación local, “para que non sufra o turismo, senón que sexa percibido como un elemento de transformación e creación de riqueza apoiado pola xente local”. “Soamente os datos –incidiu- son capaces de convencernos e convencer; é imposible que digamos á xente que hai que mudar o sistema de tratamento de residuos ou o modelo de mobilidade se non lle contamos o que está a significar ese modelo tan contaminante. Por iso son tan importantes este tipo de medicións, que nos van permitir ao Concello, e tamén a Turismo Rías Baixas, propoñer propostas derivadas destes análises con discursos nacionais”.
Para elo é fundamental, engadiu, a colaboración do sector público e privado, máxime nun momento en que “vai haber máis recursos que nunca para facer a transformación do turismo”, sinalou en referencia ao anuncio da ministra Reyes Maroto de que se destinarán 3.400 millóns a este proceso. “Deberiamos traballar todas e todos conxuntamente para ir polo mesmo camiño, sumando sinerxías porque cada vez o sector privado é máis consciente de que hai que facer un profundo cambio, que a interoperabilidade é fundamental e o acordo público privado é unha obriga”. Neste senso, destacou unha das propostas do informe, a posta en marcha dunha normativa que regule a forma de realizar as medicións e que estean baseadas en tempo real.
As conclusións do estudio, que analizou datos procedentes dos consumos de auga, enerxía e residuos, amais dos de mobilidade, cotexados cos de telefonía, foron presentadas polo presidente de Segittur, Enrique Martínez Marín, no acto que tivo lugar no Club Náutico de Sanxenxo e no que participaron tamén a directora xeral de Turismo da Xunta, Nava Castro, e o alcalde Telmo Martín. O presidente de Segittur deu a coñecer parámetros como que o turismo representa o 37,79% da pegada de carbono en Sanxenxo, e que é a mobilidade a causante do 70% desa pegada. Tralo diagnóstico da situación, o informe propón cinco retos: a sistematización da medición da sostibilidade, na que se propón entre outras medidas a adopción dun modelo de contratación pública sostible; a descarbonización do sector turístico; a sostibilidade socioeconómica; a sostibilidade dos recursos e a formación e concienciación para a sostibilidade do turismo.
Durante o acto participou telematicamente Dirk Claesser, director de Desenvolvemento Sostible do Turismo da Organización Mundial do Turismo, quen subliñou que trala pandemia “a sostibilidade non é unha opción, é un investimento” e confiou en que este proxecto de Sanxenxo inspire outros novos, con novas accións e compromisos.
Alerta