18 octubre, 2021
Pontevedra provincia está a referendarse como símbolo da mobilidade urbana sostible e amable no 25 Congreso Vyodeal, o Symposium Nacional de Vías e Obras da Administración Local, que reúne hoxe luns e mañá martes no Pazo Provincial aos principais expertos e expertas do país para falar dos retos actuais e futuros da “Estrada local como espazo público”. Ao redor de cen persoas asisten de xeito presencial a estas dúas xornadas, organizadas pola Asociación Española de Estradas en colaboración coa Deputación, e que hoxe inauguraron a presidenta Carmela Silva, e a secretaria de Estado de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Isabel Pardo de Vera, ambas cunha reflexión conxunta sobre a necesidade de seguir humanizando o espazo público para garantir os dereitos das persoas a través do compromiso cunha transformación viaria baseada no diálogo e a colaboración “de todos e todas”. “Son miles de quilómetros que temos que reconstruír e transformar cunha mirada diferente, pero as boas prácticas amosan a intelixencia”, afirmou Carmela Silva.
Tras subliñar que Pontevedra é “un referente en sostibilidade urbana, a icona do que pretende este simposio ” e que está considerada como “a provincia das persoas primeiro”, Isabel Pardo de Vera incidiu en que nestes momentos non se pode desligar “a xestión e deseño de espazos públicos e as infraestruturas do humanismo”, porque “o espazo público perténcenos a todos e todas”. “Estou convencida dos inconmensurables efectos positivos do emprego dos nosos espazos públicos sobre o benestar físico e psicolóxico das persoas, a súa incidencia na calidade de vida, na cohesión social e na saúde mental –sinalou a secretaria de Estado-. A estrada que penetra no local é potencial facilitadora agora de que as persoas leven a cabo estes roles sociais e culturais. Cuestións tan importantes como se a cidadanía pode moverse facilmente ou se os espazos de que dispoñemos teñen sido elitizados, teñen que ser factores á hora de redimensionar e pensar os concellos como focos culturais e sociais e non como lugares de paso”. Neste senso, afondou no reto, “xa en execución en deputacións xestionadas con esta visión estratéxica”, para transformar estas vías, “que agora son non lugares, en espazos onde prime a mobilidade asequible desde o enfoque da accesibilidade, especialmente naquelas poboacións vulnerables. Unha mobilidade limitada é exclusión social. Afrontamos momentos de cambio e grandes responsabilidades e só o conseguiremos co esforzo e co diálogo de todos e todas”. Neste senso, Pardo de Vera recalcou que “a mobilidade é un dereito fundamental que debe asegurarse a cada cidadán e cidadá viva onde viva, coas mesmas condicións, e polo tanto a súa xestión debe ser xusta e equitativa”.
Na súa intervención, Carmela Silva puxo en valor a aposta desde hai seis anos por un modelo de espazo público “onde a cidadanía ten que ser o centro” e no que o tratamento das infraestruturas cara este obxectivo “é un elemento central da nosa política”. “Somos unha administración comprometida para todos os cambios –destacou-. Cos cambios para a transición ecolóxica, que sen actuacións no espazo público non é posible; cos cambios para que a cohesión social sexa unha realidade e cos cambios para a creación dunha economía distinta, verde”. “Hoxe –engadiu- esta é unha provincia diferente. Quédamos moito por facer e imos a facelo porque temos un firme compromiso cun novo modelo de estada local, entendida como espazo público onde todas as persoas vivimos mellor, pero particularmente as máis vulnerables, as que expulsaramos e que non tiñan seguridade algunha. Cando as cidades non están pensadas para as persoas sufrimos moito, o pasamos mal e polo tanto temos que transformalas cidades para que crianzas, mulleres, persoas dependentes, a metade do mundo poidamos sentirnos ben no espazo público”.
Alerta