17 octubre, 2021
O observatorio de Turismo Rías Baixas confirma a tendencia rexistrada durante o verán, que consolida a provincia como líder en Galicia e destino top do Estado.
O audiovisual “Sigue o teu instinto” consigue o seu sétimo premio internacional no Festival de Riga.
A ponte da Hispanidade foi todo un “éxito” para o sector turístico da provincia de Pontevedra. Así o constatou o observatorio de Turismo Rías Baixas que vén de confirmar unha ocupación hoteleira media superior ao 75%, que confirma a tendencia rexistrada durante o verán que consolida á provincia como líder en Galicia e destino top de España.
A comarca de Vigo foi a que acadou a maior porcentaxe, cun 82% de ocupación media nos establecementos hoteleiros, seguida do Salnés e O Morrazo, cun 75%. A comarca do Baixo Miño superou o 72%, a de Pontevedra o 71,5%, as comarcas de Deza e Terra de Montes o 68%, a de Caldas o 58,5% e as do Condado e da Paradanta o 47%. Por concellos, Baiona superou o 82%, Vigo o 81%, Sanxenxo e Pontevedra o 78% e O Grove o 69,5%.
No que respecta aos establecementos de turismo rural, a ocupación media na provincia durante a ponte foi do 65%. Por comarcas a do Morrazo foi a que acadou a maior porcentaxe, cun 79% de ocupación en casas rurais, seguida do Condado e A Paradanta, cun 78%. A comarca de Pontevedra chegou ao 77%, a do Baixo Miño ao 72%, a do Salnés ao 67%, as comarcas do Deza e Terra de Montes ao 54%, a de Vigo ao 52,5% e a comarca de Caldas ao 50%.
Mención aparte merece a ocupación media das vivendas turísticas que acadaron un 87% durante a ponte, cunha forte presenza do turismo nacional do sur de España e da Comunidade Valenciana. Puntos concretos como Vigo, Sanxenxo, O Grove, Pontevedra, Cambados, Nigrán e Baiona chegaron ao 100% de ocupación.
Tamén foi significativa a asistencia de persoas ao Castelo de Soutomaior que, pese a estar pechado o luns 11 de outubro, chegou a recibir a 790 persoas. No que respecta ao perfil das persoas turistas que se achegan ás oficinas da Rede Info Rías Baixas tratáronse de visitantes maioritariamente españoles/as (93%) procedentes de Madrid, Barcelona, Vizcaya e Valladolid. No caso das persoas estranxeiras (7%) proviñan de Portugal, Alemaña, Estados Unidos, Suecia, Francia e Reino Unido. A porcentaxe maioritaria tiña entre 35 e 60 anos, aloxáronse en hoteis cunha estancia media de entre 4 e 6 días e visitáronos pola oferta cultural e de ocio.
Novo premio internacional para “Sigue o teu instinto”
A provincia volve a estar de parabéns tras coñecerse que o audiovisual “Sigue o teu instinto”, co que a Deputación promocionou o turismo no 2020, ven de acadar o seu sétimo galardón ao alzarse co terceiro premio na categoría de produto turístico no Festival de Turismo de Riga (Letonia). Deste xeito, a peza producida por Esmerarte e protagonizada pola actriz Celia Freijeiro, volve a situar o territorio no mapa internacional.
“Sigue o teu instinto” comparte palmarés con unha produción grega e outra italiana nunha edición deste festival, que cumpre xa 14 anos, na que se presentaron 300 películas de 40 países. En todas elas as persoas do xurado valoraron a presentación dos filmes en diferentes categorías como a de servizos turísticos, destino turístico, nas modalidades de cidade, rexión ou país, ou vídeo de viaxe independente, ademais da xa citada categoría de produto turístico.
Con este recoñecemento a peza segue a estela de “Fame de Experiencias”, que logrou 14 galardóns, e continúa o seu percorrido polos festivais audiovisuais más prestixiosos do sector. O premio en Letonia súmase ao do “The Golden City Gate” de Berlín, como un dos mellores audiovisuais de ecoturismo do mundo; o Ouro no Festival ITTF África, (Cape Town); o mellor vídeo de promoción de produto turístico no Fitur Travel Video Competition de Madrid e o Ouro no Tourism Film Festival de Turquía, ademais dos recentemente concedidos primeiro premio en Produto Turístico na categoría Blue Danube no Silafest de Serbia e o Premio “Ouro en Produtos Turísticos / Destino Rural” no Terres Festival de Tortosa.
Alerta