A rapazada de Vilagarcía coleará o gran “Comecocos”

Compartir
Xogo Pac Man. Fonte: Concello

Nenos e nenas encargaranse de pintar con xices de cores a Pac Man, e ás iconas que formarán o circuíto baseado nos desprazamentos sostibles e saudables.

A actividade enmárcase na Semana da Mobilidade que se vén desenvolvendo dende o pasado día 16 e que remata o mércores 22, o día sen coches.

 

Un gran “comecocos•ao estilo do famoso vídeo xogo dos anos 80, servirá de imaxe á acción de urbanismo táctico, que o Concello de Vilagarcía levará a cabo nun tramo da Avenida da Mariña no marco dos actos da Semana da Mobilidade. A innovadora actividade terá como protagonistas á rapazada do municipio, que será a encargada de colorear con xiz os diferentes motivos que conforman este orixinal xogo que pretende demostrar á cidadanía en que consiste o urbanismo táctico, á vez que concienciar sobre a necesidade de recuperar as rúas para o uso, goce e convivencia das persoas, así como de camiñar ou desprazarse en bici en lugar de usar os vehículos de motor. A actividade “Os nenos pintan a rúa” desenvolverase o martes e o mércores pola tarde.

O “comecocos” ocupará 60 metros do tramo da Avenida da Mariña que discorre por diante da Praza da Peixería. O xogo configúrase como un circuíto que se poderá comezar por calquera dos dous extremos da rúa e que ten a meta no centro. O famoso Pac-Man sinalará o inicio do circuíto a ambos lados e, a partir de aí, os xogadores deberán ir avanzando polos debuxos baseados en temas de mobilidade sostible, que substitúen ás tradicionais froitas do vídeo xogo orixinal. Así, pegadas de pés e siluetas de bici serán os iconos que simbolizan os desprazamentos saudables e non contaminantes, mentres que os de motos ou coches simbolizan o negativo.

A rapazada poderá ir a colorear o “comecocos” o martes e mércores pola tarde en horario de 17 a 19.30 horas, para o cal se lles facilitarán xices de cores coas que poder traballar. Finalizada a Semana da Mobilidade, o Concello pintará con materiais permanentes o circuíto, fixado así a primeira actuación de urbanismo táctico e participativo da cidade.