A rúa da Corva conectará con Urbano Lugrís para mellorar a permeabilidade e comunicación da cidade

Compartir
Demetrio Gómez, dando conta da Comisión de Mobilidade, Infraestruturas e Obras. Fonte: Concello

O Concello expropiará tres parcelas para facer factible esta unión, con un custo de preto de 37 mil euros.

A nova conexión unirá os diferentes complexos que se están a levantar na zona coa avenida de Vigo, facilitando o crecemento da cidade e os movementos da veciñanza.

 

O concelleiro de Obras, Demetrio Gómez, deu conta esta mañá da Comisión de mobilidade, infraestruturas, obras e servizos celebrada no Concello de Pontevedra.

Dentro dos diversos asuntos tratados, o edil destacou a adhesión de Pontevedra á Rede de cidades pola bicicleta, «un asunto que xa vén de vello, e que fora aprobada en pleno por unanimidade hai xa varios anos». Faltaba este pequeno trámite para dar por completada, de xeito total, a unión entre as entidades

Alén do estado das obras, das que Gómez confirmou que se están a desenvolver con un bo ritmo, onde o máis destacado é que «non hai especial noticias», agás a finalización do corte en Xosé Malvar, que recuperou o carril de subida, mais non provocou ningunha incidencia no tráfico da cidade ao soportar «perfectamente» esta incidencia, seguindo as palabras aportadas pola Policía Local ao edil.

O concelleiro de Obras fixo fincapé na expropiación de tres parcelas entre as rúas da Corva e Urbano Lugrís, preto do Centro de Recursos da ONCE e o IES Torrente Ballester. Son unhas parcelas sen «demasiada importancia», que suman 634,74 metros cadrados e que son expropiadas por 37.011,60 euros. «Un prezo moi razoable», tal e como sinalou Gómez na súa declaración.

 

En vermello, as parcelas expropiadas onde será realizada a nova unión de rúas. Fonte: Concello

 

Secasí, a expropiación destas parcelas permitirá permeabilizar e conectar os traballos que se están a facer nestes intres na zona de Campolongo, dentro da ONCE, coa avenida de Vigo, a través das rúas Urbano Lugrís e San Brais. «Esta zona do municipio quedaría a nivel de infraestruturas viarias perfectamente incorporado dentro da cidade que se ve alongada. É un momento importante para facelo porque a ONCE está executando, dentro do que foi o seu colexio, as obras para crear a nova vía que xunta a rúa da Corva con Alfonso X. É unha zona realmente importante, que foi gañando e gañará protagonismo na cidade ao estaren alí situados o Centro de Recursos da ONCE, o Centro Sur, o Pavillón Deportivo e algunhas zonas recreativas, tanto o parque da Corva como a zona de petanca. Ademais, estarán aquí a nova residencia de Amencer e o novo centro de traballo de Xoan XXIII».

Gómez quixo destacar a importancia de realizar esta conexión para facilitar as comunicacións entre espazos da cidade. Seguindo o convenio firmado pola ONCE, a través da cláusula cuarta, o Concello poderá esixir que esta unión sexa creada na primeira fase das obras. Na actualidade está a ser realizada unha negociación coa empresa que está a realizar as obras na zona e nos vindeiros días, o Concello agarda poder achegar máis información sobre cando quedará aberto este novo paso.